Conclusión do I Congreso Climántica para Estudantes

Actualización 2: Xa se pode ver o documental do I Congreso en Climántica TV.
Actualización: Xa se pode ver o documental da estancia no campamento formativo en Climántica TV.

 


Case 300 estudantes de centros educativos de Galicia reuníronse o día 21 de xuño en Santiago para analizar, entre outros temas, as medidas fronte ao cambio climático, o desenvolvemento sostible e o respecto ao medio ambiente, no I Congreso de Estudantes de Climántica, organizado pola Consellería de Medio Ambiente. Os alumnos de ensino secundario obrigatorio (ESO), bacharelatos e ciclos formativos de centros educativos das catro provincias galegas participaron nesta actividade coa exposición dos traballos que presentaron no seu día á segunda edición dos premios Climántica, convocados no marco do proxecto educativo co mesmo nome que puxo en marcha a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co obxectivo de sensibilizar e concienciar aos rapaces sobre o cambio climático e cómo atallalo.


Nesta xornada que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, os estudantes expuxeron os seus traballos presentados ao concurso nas súas tres modalidades: literatura –narrativa, poesía e cómic-, multimedia – curtametraxes, power point, entrevistas, teatro e cancións-, e artes plásticas –fotografía, debuxo e posters-. A exposición conxunta dos traballos serviu así mesmo para dar a coñecer ao público a visión que os máis xóvenes teñen sobre o cambio climático e as súas proposta para coidar o medio ambiente e fomentar o desenvolvemento sostible.


O Congreso de Climántica serviu ademais para que os estudantes de diferentes lugares de Galicia tivesen oportunidade de coñecer o punto de vista de outros alumnos, na exposición conxunta dos traballos presentados e nos que se atopaban traballos con moita calidade con títulos tan significativos como “o cambio climático e as súas consecuencias”, “cambiar nós para que non cambie o clima”, “se non o coidas es tonto”, “¿por qué ao home lle custa manter a terra”, “un día na vida dunha árbore”, entre outros. Todos estes traballos quedaron publicados na revista CLMTK que se lles entregou aos asistentes e en breve estará publicados nesta web. A xornada estivo pensada tamén para os pais e docentes que acompañan aos estudantes, con actividades que inclúen mesas redondas sobre “alimentación e ambiente” na que se abordarán cuestións como a agricultura ecolóxica e a alimentación, a medicina ecolóxica ou o deporte.

Premios
Un total de 60 estudantes -30 de Eso e 30 de bacherelatos e ciclos formativos- recibiron neste congreso os diplomas correspondentes aos premios da segunda edición do concurso de Climántica, que foron entregados pola Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e polo Director Xeral de Desenvolvemento sostible. Estes premios daranlle a oportunidade de participar nunha estancia formativa de cinco días de convivencia nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia. Concretamente, os alumnos de ESO disfrutarán entre o 23 e o 27 de xuño nunha estancia nun equipamento de San Xoán de Río en Ourense; e os de bacharelato e ciclos formativos irán entre o 8 e o 12 de setembro a outro equipamento no Parque Natural das Fragas do Eume. Ver programa.



Actores de Climantopía.


Grupo de escolares do IES Ollos Grandes que representaron a obra de teatro no I Congreso.


Panorama da entrada ao Congreso

 
0 comentarios nesta entrada.