Carbón e petróleo, combustibles fósiles non renovables

Os combustibles fósiles entran dentro da clasificación dos recursos non renovables. Aínda que no interior da Terra os procesos que deron lugar á formación de carbón, petróleo ou gas continúan na actualidade, o tempo necesario para que eses recursos se transformen en materiais susceptibles de ser explotados, contabilízase en millóns de anos. Para que nos fagamos unha idea, o carbón máis moderno que estamos a explotar na nosa comunidade procede das concas terciarias (As Pontes e Meirama, principalmente) que reflicten unha idade de arredor dos 22 millóns de anos. Non obstante, na comunidade veciña, Asturias, as minas de carbón extraen o mineral procedente dos depósitos da idade carbonífera (hai uns 300 millóns de anos).

Unidad2

O nome de “combustibles fósiles” fai referencia a que son o resultado da evolución dos residuos de materia orgánica de diferente orixe (animal ou vexetal). Esta materia orgánica está presente nas rochas sedimentarias en distintas proporcións. Os principais combustibles fósiles utilizados son o carbón, o petróleo e o gas natural. Ademais, dentro deste grupo hai que incluír a turba, as lousas bituminosas, as areas asfálticas e os crus pesados. Os procesos polos que esta materia orgánica ten que atravesar ata transformarse en combustible implican perda de auga, redución do contido en osíxeno e nitróxeno e enriquecemento en carbono e hidróxeno.

Para entendermos estas consecuencias e a súa natureza non renovable, debemos coñecer ben as circunstancias da súa orixe e formación.