Carbón e petróleo, combustibles fósiles non renovables
Os combustibles fósiles entran dentro da clasificación dos recursos non renovables. Aínda que no
interior da Terra os procesos que deron lugar á formación de carbón, petróleo ou gas
continúan na actualidade, o tempo necesario para que eses recursos se transformen en materiais susceptibles de ser
explotados, contabilízase en millóns de anos. Para que nos fagamos unha idea, o carbón máis
moderno que estamos a explotar na nosa comunidade procede das concas terciarias (As Pontes e Meirama, principalmente) que
reflicten unha idade de arredor dos 22 millóns de anos. Non obstante, na comunidade veciña, Asturias, as minas
de carbón extraen o mineral procedente dos depósitos da idade carbonífera (hai uns 300 millóns de
anos).
O nome de “combustibles fósiles” fai referencia a que son o resultado da evolución dos residuos
de materia orgánica de diferente orixe (animal ou vexetal). Esta materia orgánica está presente nas
rochas sedimentarias en distintas proporcións. Os principais combustibles fósiles utilizados son o
carbón, o petróleo e o gas natural. Ademais, dentro deste grupo hai que incluír a turba, as lousas
bituminosas, as areas asfálticas e os crus pesados. Os procesos polos que esta materia orgánica ten que
atravesar ata transformarse en combustible implican perda de auga, redución do contido en osíxeno e
nitróxeno e enriquecemento en carbono e hidróxeno.
Para entendermos estas consecuencias e a súa natureza non renovable, debemos coñecer ben as circunstancias
da súa orixe e formación.