Convocatoria dos Terceiros Premios Climántica e do Segundo Congreso de Autores CLMNTK
Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible convoca a TERCEIRA EDICIÓN dos Premios Climántica para estudantes de Educación Primaria, ESO e Bacharelatos, Ciclos Formativos e Universidade. Todos os traballos presentados ao concurso publicaranse no nº 2 da revista CLMNTK e os da categoría multimedia poderán visualizarse na sección Alumnos do apartado Biblioteca de climantica.org. Todos os autores do nº 2 de CLMNTK serán convidados a asistir ao Segundo Congreso dos autores de CLMNTK que se celebrará no Palacio de Congresos de Pontevedra o sábado 20 de xuño de 2009.
Os centros educativos que participen nos premios de carácter económico establecidos na Orde do 19 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica 2008-2009, e que decidan incluír estes traballos na escolma de cinco traballos modelos establecidos na disposición 8ª.c) que teñen que enviar antes de finais de agosto de 2009, bastará con facelo constar, indicando que se presentou ao II Congreso e sinalando o títulos e autores, evitando así ter que enviar os traballos coa documentación establecida na disposición 8ª.
Ao remate do congreso entregaranse os vales aos 30 estudantes de ESO e Primaria, 30 de bacharelato e ciclos formativos e aos 6 universitarios. O premio correspondente ao ensino obrigatorio (ESO e 6º de Primaria) efectuarase do 25 ao 29 de xuño e durante eses 5 días os estudantes visitarán nun veleiro tipo goleta illas e portos de Galicia desenvolvendo diversas actividades de educación ambiental nas rías e nas localidades costeiras. Os 36 premiados de bacharelato, ciclos formativos e universidade terán a estancia formativa nun campamento de Educación Ambiental de Galicia que se determinará e comunicará no II Congreso e que se desenvolverá entre o 7 e o 11 de setembro de 2009.
As bases recóllense neste documento que se presenta con formato póster para que se poida imprimir e poñer nos taboleiros das aulas. Cada traballo que se envíe deberá ir acompañado da ficha de inscripción na que o autor/a ou autores (máximo 3 membros por grupo) describan o que desexan comunicar co traballo. Os traballos remitiranse á seguinte dirección de correo electrónico concursos@climantica.org. O prazo de presentación de traballos vai desde o mes de febreiro ate o 10 de maio do 2009. Todos os traballos teñen que ter a súa ficha de inscrición enviada a concursos concursos@climantica.org e se o envío se completa por correo ordinario a:
Consellería de Medio Ambiente
Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible
San Lázaro, s/n 15781 Santiago de Compostela
Só se poderán publicar aqueles que entren antes do 20 de maio, data na que a revista se pasa á imprenta.
Para poder percibir o premio, o estudante deberá presentar antes da saída unha certificación académica en conforme estivo matriculado durante o curso 2008-2009 nun centro de ensino no nivel polo que concursou, copia certificada do DNI, copia da tarxeta sanitaria e se fora menor de idade unha autorización permitíndolle asistir á estancia, asinada polo pai, nai ou titor legal.
Autorización para alumnos de ESO
Autorización para alumnos de Bacharelato