Posta en marcha de "Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica"

imagen noticia

Actualización: Ver video

O sábado 14 de novembro iniciouse o I módulo desta materia para formar, ao longo de todo o curso 2009-2010, ao profesorado da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo co fin de impartila na súa totalidade a través dun fío condutor vertebrado sobre a sustentabilidade e o cambio climático. De novo este ano a inscrición superou as prazas dispoñibles, pois o número máximo de dúas persoas por ordenador supuxo que dos 74 preinscritos solo 50 puideron matricularse. Os docentes de lista de espera estarán como grupo prioritario no curso de «Competencias básicas: TIC e aprender a aprender», que se porá en marcha no segundo trimestre.

Baixo a fórmula «dende o Big-Bang ata estes tempos formouse a Terra e nela, a través dun longo proceso evolutivo, aparecemos nós como unha especie capaz de modificar o Planeta e de provocar riscos, como o cambio climático, aos que a investigación científica contemporánea busca solucións dende a física de partículas, a astrofísica, a nanotecnoloxía, a investigación enerxética, a bioloxía molecular e a xenómica», Climántica doulle forma a este reto educativo.

Esta primeira sesión enmarcouse na competencia TIC que se desenvolve mediante dous seminarios. O primeiro, que foi o que empezou o sábado 14 é o denominado “Sustentabilidade e cambio climático nos blogs e foros de Climántica en CCMC”, que desenvolverán ao longo das 4 primeiras xornadas do curso (14 e 28 de novembro, 12 de decembro e 9 xaneiro), correrá a cargo dos profesores de ensino secundario Susana Vázquez e Jesús M. Teira Rois. O último seminario relativo á competencia TIC impartirao o catedrático de instituto Ramón Cid Manzano, o 9 de xaneiro, no que abordará recursos TIC para traballar a física de partículas, a astrofísica, a fisión nuclear e o LHC.

Esta forte aposta polas TIC é debido a que en Climántica valorouse como motivador para os estudantes de todas as modalidades de Bacharelato darlles a oportunidade de buscar información actual de divulgación científica co obxectivo de comunicaren as súas experiencias. Por iso se pensou nuns edublogues e eduforos, especialmente deseñados para visualizar contidos multimedia diversos, que, ademais de formar parte dos hábitos vixentes de comunicación dos estudantes, supoñen unha posta ao día continua da información, ao estilo do modus operandi dos científicos da ciencia fronteira cuxos coñecementos aborda esta materia.

No deseño do curso tívose tamén presente o feito de que os contidos desta materia non se configuran na súa totalidade dentro do marco formativo inicial de ningún dos dous departamentos implicados na docencia (Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química). Por iso se contou con investigadores I+D+i de todos os ámbitos do currículo, cunha eficacia divulgativa demostrada e capaces de asumir o reto de relacionaren as súas investigacións co fío condutor proposto. Así é como chegamos a contar con este equipo de 7 formadores que destacan polas súas investigacións na ciencia fronteira recollida no currículo desta materia. A eles lles corresponderá trasladar a actualidade das súas investigacións relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático aos profesores asistentes.

Os seminarios relativos á investigación teñen a mesma base programática que os que se desenvolveron o curso pasado, mantendo a participación do catedrático de medicina legal, director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC, doutor Ángel Carracedo, último premio Jaime I de investigación médica, quen seguirá afondando nas ensinanzas da Xenómica para a sustentabilidade. Tamén repite o profesor doutor de Xeoloxía da Universidade Complutense, Francisco Anguita, un dos principais divulgadores da xeoloxía en España nos últimos 30 anos. O profesor Anguita abordará dous seminarios neste curso «Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental» e «Riscos xeolóxicos e impactos ambientais».

Pero este curso incorporáronse novas temáticas I+D+i relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático. Entre as novas temáticas destaca a participación do catedrático da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura galega, o profesor doutor Francisco Díaz-Fierros, Premio Nacional de Cultura Científica de Galicia no 2008, que abordará o seminario «Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas terrestres», namentres que o de conceptos básicos nos ecosistemas mariños o desenvolverá o doutor investigador do CSIC no Instituto de Investigación Mariña de Vigo, Xosé Antón Álvarez Salgado. Os puntos de vista destes dous científicos galegos que colaboraron en informes IPCC (Panel Intergobernamental para o Cambio Climático) complementaranse para aportar unha visión científica moi interesante para abordar este reto do século XXI na aula.

Outro seminario que cobra forza este ano é a Nanotecnoloxía. Del hase encargar o catedrático de Electromagnetismo da USC e director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga, José Rivas, quen exporá a temática «Nanotecnoloxía básica para a sustentabilidade na sociedade do cambio climático».

Tamén se incorpora a dimensión enerxética mediante a participación do profesor doutor de Enxeñería eléctrica da ETS de Enxeñería Industrial de Vigo e director da Axencia enerxética de Vigo, Bernardo Parajó, co seminario «Enerxía e sustentabilidade: pasado presente e futuro».

O último seminario innovador deste curso será o impartido pola doutora investigadora en Xenética e Antropoloxía do proxecto de Atapuerca, María Martinón Torres: «O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños», que complementará a intervención do profesor Carracedo, reforzando a dimensión evolutiva e centrándose nos aspectos antropolóxicos dende a bioloxía molecular.

A formación presencial que se iniciou este sábado, prolongarase ao longo das mañás de 7 sábados máis, e ao tempo que se vai desenvolvendo, iranse aplicando nos edublogues e eduforos de aula propostas relacionadas co contido de cada un dos seminarios. O sábado 10 de abril farase a posta en común dos traballos de aula.

Con esta formulación da asignatura, o curso pasado formouse aos profesores dos centros pilotos voluntarios para abordaren deste xeito a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Apuntáronse a esta iniciativa profesores de 27 centros públicos e 4 privados, que a día de hoxe están a desenvolver a materia dende os seus blogues de centros aos que se accede a través do blogue guía para os profesores. Algúns blogs están a ser auténticos estimuladores da divulgación e argumentación dos estudantes, como é o caso do blog do IES Francisco Asorey, que xa superou as 20.000 visitas.

Como esta materia se atopa no segundo curso de implantación e supón un reto novo na historia do sistema educativo español, este modelo estase demandando en España. Así, a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra aprobou no mes de outubro ofrecela vía e-learning para todos os seus socios, o que lle dá a Climántica unha oportunidade extraordinaria de abrir a súa rede docente a todas as comunidades educativas do resto de autonomías.

O interese por este proxecto educativo superou as fronteiras de España e xa está implantado con éxito en 15 centros pilotos de Portugal mediante unha réplica do curso piloto do ano pasado, que se está a desenvolver dende o 10 de outubro na cidade de Coimbra co apoio institucional da Unesco e sobre o que se pode visualizar un documental da primeira xornada.

Destes 15 centros xa hai varios que destacan pola riqueza da argumentación que están a desenvolver na súa aula, o que facilita que o espírito de Climántica estea entrando con forza nestas comunidades educativas de Portugal. Tamén chegou á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe unha petición de Arxentina, procedente da Universidade de Entre Ríos, para replicar o modelo alí como xa fixo o centro de Formación do Profesorado de Coimbra Nova Ágora.

 
0 comentarios nesta entrada.