Resumo da conferencia "Evolución da Situación enerxética en España no marco do cambio climático"

imagen noticia

Está dispoñible en Climántica TV un documental resumo da conferencia que Ignacio de Loyola Hierro desenvolveu nas xornadas correspondentes á Unidade 2 de Climántica, “Se quentamos queimamos”. Este profesor coordina a cátedra de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Comillas e tamén imparte clases na Universidade Complutense de Madrid. Entre as dimensións non universitarias relacionadas coa conferencia, destaca as súas responsabilidades na Elaboración do Informe Anual do Observatorio da Sustentabilidade e do Informe da Situación Enerxética de España no marco do cambio climático do Ministerio de Medio Ambiente, Agricultura y Medio Marino, tema central da súa conferencia. Disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou relacionando a enerxía co nivel de desenvolvemento, sinalando que aínda non estando a enerxía nos obxectivos para o milenio da ONU, este organismo recoñece que para que este desenvolvemento se produza é necesario un certo nivel enerxético.

Sen embargo insistiu en que isto non pode ser un argumento para xustificar o sobre consumo actual, que é o que nos levou a que o consumo enerxético de orixe fósil nos últimos 200 anos nos puxera ao borde do esgotamento. Indicou tamén que este tipo de combustibles supoñen máis do 80% do consumo enerxético actual. Destacou ademais que 1/3 da humanidade non dispón de este tipo de enerxía e ten que recorrer a queimar leña.

En relación a este abuso da enerxía dos combustibles fósiles augurou unha duración do orde de 40 anos para o petróleo, de 61 anos para o gas natural e duns 204 anos para o carbón, tendo presente a tecnoloxía que hoxe coñecemos. Pero aquí puxo o acento tamén nos cambios que están experimentando no consumo as economías emerxentes, destacando países como China que en 1983 tiña un consumo do orde do 6% e na actualidade xa supera o 20%.

Explicou que estes elevados niveis de consumo de combustible fósiles son a causa de que pasáramos dun nivel de CO2 na atmosfera de 280 ppm antes de 1800 ata os actuais niveis comprendidos entre 380-400 ppm, sobre os que o IPCC establece unha correlación directa entre aumento de emisións e aumento de temperatura. Expuso que nos próximos 100 anos, de seguir a situación actual se manteña, o IPCC prevé que se dupliquen estes niveis e iso implicará do orde de 3ºC de aumento de temperatura global que no caso de España, pode supoñer o aumento duns 7º C.

Situado así o escenario do cambio climático, abordou a situación de superación do limite de crecemento que temos establecido segundo o Protocolo de Kioto, que nos permite un crecemento anual de emisións no período 2008-20012 non superior ao 15%, cando temos superado o 50%, con tendencia progresiva en ascenso desde que asinamos o Protocolo, con unha única diminución ata o de agora no ano 2006, pero que atribuíu a unha serie de condicións atípicas favorecedoras da diminución do consumo e que coincidiron ao longo do ano: verán non moi cálido, inverno non frío e moita pluviosidade anual. Sinalou tamén que temos que ser moito máis ambiciosos no novo protocolo, pasando da redución do 5% actual global posta como obxectivo a unha redución de máis do 80%.

Tamén indicou a situación atípica de España con unha tendencia a aumentar a intensidade enerxética (consumo de enerxía/PIB) cando os países da Unión Europea están diminuíndo esa intensidade enerxética. Dixo que isto significaba que a nosa economía se sustentaba máis no formigón e estaba a potenciar o aumento por emisións difusas na mobilidade, cando noutros países do noso entorno estaban a potenciar outras modalidades de mobilidade. Destacou tamén o papel do abuso da electricidade, que segundo expresou vese favorecida polo baixo custo, o que xustificou co dato de que unha familia de 4 membros está a pagar unha media de 1,3 €/día no recibo eléctrico.

Esta situación relacionouna tamén coa nosa dependencia enerxética exterior, presentando a situación aínda máis preocupante, pois indicou que esta estaba recoñecida oficialmente nun 80% pero indicou que o dato non era real, dado que se consideraba que non tíñamos dependencia da enerxía nuclear, porque se partía do suposto de que as nosas centrais nucleares nos abastecen, pero sen embargo dixo que todo o uranio o estábamos importando de Francia, porque temos o noso esgotado. Segundo esta argumentación concluíu que a dependencia real é do 90%.

A pesares de concluír desta forma a situación non sostible do uso da enerxía, rematou a súa intervención facendo un chamamento ao optimismo por canto que preveu unha ampla capacidade de resposta sobre campos como o aforro e a eficiencia enerxética, a extensión do uso de renovables, a captura e almacenamento do CO2, a educación enerxética, o control de prezos, a posibilidade de elixir vales de consumo para determinados usos, as posibilidades do hidróxeno como vector que ocupe o lugar dos carburantes derivados do petróleo, etc.

 

Resumo da conferencia "Da enerxía primaria á final: O futuro do hidróxeno"

imagen noticia

Pode verse en Climántica TV un documental resumo da conferencia que impartiu o 14 de marzo nas xornadas correspondentes á unidade 2 de Climántica, o profesor de Enxeñería industrial da Universidade de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó. A súa presentación está no apartado de Biblioteca.

O profesor Parajó introduciu o tema apoiándose nos conceptos de ruta enerxética, enerxía primaria e final, facendo fincapé en que cada proceso de transformación pérdese máis dun tercio. Tamén situou a problemática enerxética sobre a inestabilidade socio política que supón que uns países teñan a enerxía primaria e outros a enerxía final.

Desde este enfoque abordou a situación enerxética actual, indicando que as enerxías finais máis utilizables son a electricidade e os combustibles fósiles derivados do petróleo. Sobre o comportamento do consumo da industria, apostou por un estancamento nos niveis de consumo, como consecuencia do control de emisións e regulacións de eficiencia e aforro derivadas da xestión económica racional. Pero preveu un aumento debido ao transporte e un aumento aínda máis grande nos sectores doméstico e terciaria, sobre os que argumentou que non cabe o control económico racional e solo se pode solucionar con educación ambiental.

Nesta extrapolación da situación enerxética actual cara o futuro, referiuse tamén á superación dos niveis de consumo de petróleo aos niveis de extracción desde nos anos oitenta do século pasado, e comentou a preocupación que existe porque non dispoñamos de petróleo sobre o ano 2020. Sobre o gas natural fixo previsións semellantes. As previsións máis optimistas sobre a duración do recurso fósil foron para o carbón, pero catalogouno como o máis contaminante. Segundo esta visión de limitación e tendo en conta de que estes combustibles fósiles son os responsables de máis do 80% do actual cambio climático, concluíu a necesidade de recorrer a outras fontes de enerxía.

Respecto da opción de potenciar a enerxía nuclear fixo reflexións moi interesantes sobre os ciclos de vida, partindo do dato de que o período de vida útil dos reactores é de 40 anos, polo que concluíu que os actuais xa estaban amortizados. A continuación aportou o dato de que temos reservas de uranio para uns 20 anos, polo que os novos reactores funcionarían durante a metade da súa vida útil. Outro dato que presentou como limitación desta enerxía para facer fronte ao cambio climático é que a necesidade de novas centrais para substituír as térmicas é de 14 centrais nucleares por ano, cando o crecemento que estamos a vivir é de 3 novas por ano, cos problemas ambientais de residuos que xa teñen asociadas. Sobre a alternativa do Plutonio, con máis vida media e posibilidade de obtelo desde o uranio usado, sinalou os problemas de explosións como a de Chernóbil.

Sobre esta panorámica decantouse polas renovables, como opción máis sensata para facer fronte á cambio climático, pero fixo constar que na actualidade carecemos de desenvolvemento tecnolóxico suficiente, polo que demandou máis I+D+i para desenvolvelo. Destacou sobre todo como de máis potencial a fotovoltaica, solar térmica e eólica, mentres que a hidráulica a pesares de estar máis madura a nivel tecnolóxico, ten moi limitado o avance no contexto de cambio climático. Tamén augurou un futuro pouco prometedor para os biocombustibles, tanto a nivel de biodiésel (de especies oleaxinosas) como de biotenal (de cereais). Por último preveu un crecemento para a xeotérmica e para a maremotriz aínda que moito menor.

No marco desta liña discursiva, entrou de pleno na última parte nuclear da súa conferencia: o futuro do hidróxeno. Empezou destacando o elevado aproveitamento que pode ter a obtención de electricidade desde o hidróxeno, xa que pode permitir acadar rendementos entre o 50% e o 70%. Tamén indicou que había que ter presente que o hidróxeno é un vector, non unha fonte de enerxía, polo que o seu papel clave na sociedade do cambio climático, estará en ocupar o papel dos derivados do petróleo, converténdose así no combustible con máis previsións de futuro para substituír aos derivados do petróleo no transporte. Dixo que esta substitución pode facelo de dúas formas, en motores de combustión interna ou en pilas de combustible nas que a rección co osíxeno deixa por residuo vapor de auga. Pero tamén fixo a observación que para obtelo require de electricidade e se esta procede de combustibles fósiles ou de enerxía nuclear, non será a enerxía limpa que ambicionamos. Por iso se decantou por obtelo a partires de enerxía fotovoltaica ou eólica, advertindo que de momento obtela así de pozo a depósito é moi custoso. Sen embargo preveu que nun prazo de 15 ou 20 anos podería ser unha realidade que ocupara o oco dos actuais combustibles derivados do petróleo, e en base a este dato xustificou o feito de que todos os fabricantes de coches tiveran xa prototipos de hidróxeno.

En definitiva, unha conferencia maxistral dun experto en enerxía que nos centrou moi ben a relación da enerxía co cambio climático, situando sobre el o futuro do hidróxeno na liña de análise da enerxía primaria á final.

 

Resumo da conferencia “Carbón e petróleo: limitacións e riscos xeolóxicos"

imagen noticia

O venres 13 de marzo o profesor de Xeoloxía da Universidade Complutense, Francisco Anguita impartiu a terceira conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de Climántica co tema dos límites e riscos xeolóxicos do carbón e do petróleo, da que xa se pode ver o documental resumo en ClimánticaTV e disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou a charla situando a enorme mortaldade derivada do carbón na actualidade en China e describindo como o uso deste recurso, moito máis abundante alí que o petróleo, condiciona a paisaxe e a atmosfera das grandes cidades chinas. Sobre este exemplo, concluíu que o carbón non solo é moi contaminante, senón que tamén ten unha extracción moi perigosa.

A continuación tentou dar resposta aos límites deste recurso. Para iso recorreu ao proceso de formación. Situou a súa formación practicamente ao longo da totalidade dos tempos xeolóxicos co máximo do Carbonífero e un impulso importante no Triásico, despois de que durante Triásico tivera unha parada de produción. Xustificou estes datos en base a que o defendeu a tese de que a formación de carbón veuse favorecida polas oroxenias probablemente porque estas provocaron enterramentos masivos de árbores. En base a esta explicación, xustificou que o carbón estea repartido por todo o mundo, o que diminúe moito o risco de invasións de fronteiras para conseguilo e pon os seus límites moito máis lonxe no tempo que os do petróleo.

O petróleo presentouno como o recurso enerxético máis importante e con unha formación máis limitada nos tempos xeolóxicos e unha residencia máis comprometida. Así dixo, que a inversa do carbón, o petróleo formouse principalmente ligado a uns períodos paleoclimáticos moi singulares como foron o Xurásico e o Cretácico, de climas quentes e por tanto, épocas de transgresións mariñas. Aquí defendeu a tese de que o petróleo é inimigo das oroxenias, quedando a súa formación restrinxida a zonas de mares pouco profundas que quedaron protexidas das oroxenias.

En canto aos riscos, aquí puxo máis o acento nos riscos no transporte en petroleiros.

Sobre os límites, empezou situando que a extracción doada dun xacemento afecta solo ao 30% do petróleo que contén, que é aquel non retido nos grans das areniscas. Matizou que si se lle aplica auga e CO2 pódese extraer un 20% máis e se aínda así, se segue tratando o xacemento con vapor de auga a presión, pódese extraer un 15%. Deste xeito dixo que subindo o custo da extracción, podíase retirar hasta uns 2/3 do contido no xacemento. Explicou que como os xacementos se abandonan ao remate da primeira fase, hai técnicos que aducen que aínda queda moito petróleo.

De seguido comentou que aínda tendo en conta esta extracción extra que probablemente non deixe o petróleo a un custo ao alcance de todos. Reflexionou sobre o teito do petróleo, que se empezou a visualizar xa na segunda metade do século pasado. Indicou que o primeiro que propuxo unha predición foi Marion King Hubbert, en 1956. A súa previsión situou un máximo de extracción no inicio da década 70, que aínda que polémica, demostrou ser certa. Este éxito, levou a falar do pico do petróleo, como o máximo do petróleo do que podemos dispoñer. Sobre estas previsións, fixo mención a coincidencia entre o 2030 e 2070. Mencionou sobre isto, posibilidades de buscar petróleo a altas profundidades e incluso opcións con máis impacto ambiental, como obtelo a partires de pizarras bituminosos. Sostivo que en todo caso estamos chegando a un pico onde o petróleo e gas natural apuntan ao esgotamento sen que se visualice unha fonte enerxética alternativa clara, o que nunca pasou ata agora, pois comentou que en 1890 cando o carbón superou a leña, levaba tempo visualizándose o potencial do carbón. O mesmo pasou cando o conxunto petróleo e gas superou ao carbón a redor de 1940. Indicou que si se mantén o nivel de demanda actual, as reservas dan para uns 40 anos, pero tamén mencionou a indefinición desta predición.

Rematou con reflexións de carácter ético – social futuristas como poden ser as consecuencias de que unha vez rematados a extracción nos xacementos dos países que non son da OPEP, que se prevé que pode ser a redor de 2020, pase a OPEP a controlar o custo do petróleo mundial. E sobre isto propuxo ao auditorio o interrogante sobre si é acertado ter o motor de combustión interna como centro desta sociedade.

En definitiva, outra vez o profesor Anguita nos deixou importantes reflexións e coñecementos para interpretar a situación ambiental desde un rigoroso enfoque xeolóxico.

 

Resumo da conferencia “Fluxos de enerxía nos ecosistemas e cambio climático"

imagen noticia

O venres 13 de marzo o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Oviedo, impartiu a segunda conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de Climántica na que abordou as relacións do cambio climático cos fluxos de enerxía nos ecosistemas, da que xa se pode ver o documental resumo en ClimánticaTV e disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Na primeira parte situou os cambios que xa se produciron e os que se esperan no clima polo cambio climático que se atribúe ás emisións derivadas do uso dos combustibles fósiles que permitiu desvincularnos da enerxía somática e posibilitou un aumento da poboación.

Situou aquí a relación do aumento destas emisións co quentamento da Terra por encima das variacións naturais. Neste punto mencionou o risco de que a tendencia actual nos leve a temperaturas a finais do século superiores ás máximas deducidas pola Xeoloxía na historia da Terra.

Dixo que a situación xa é moi preocupante con solo considerar o escenario bastante favorable dun aumento de 3 ou 4 graos da temperatura global. Nestas condicións a distribución da pluviosidade vai a variar, aumentando nuns sitios e diminuíndo noutros. A súa vez os variacións de temperatura non se manifestarán por igual en todas as rexións e estacións. Así en Europa no inverno aumentarán as temperaturas máis cara o Norte e no verán máis cara o Sur.

A continuación pasou a comentar como lle afectan estes parámetros de temperatura e humidade aos fluxos de enerxía dos ecosistemas. Para iso fixo fincapé na relación da distribución dos grandes biomas en base á combinación de temperatura e pluviosidade.

Explicou a combinación de valores elevados de temperatura e humidade favorecen o aumento de masas vexetais, relacionando esto con unha maior producción primaria. Sinalou que as árbores perden auga coa transpiración e ese vapor de auga que sae polos estomas é substituído por CO2, o que favorece valores elevados de producción primaria. En base a estes razoamentos, sostivo que os valores máximos a nivel global cambian por tanto a nivel estacional, situándose no hemisferio N na primavera e no hemisferio S no outono.

Por tanto concluíu que o cambio climático ao estar afectando aos valores das temperaturas medias e precipitacións rexionais, modificará os fluxos de enerxía nos ecosistemas. Como exemplo, indicou que a produción nos ecosistemas españois tenderá a diminuír a medida que o vai facendo a dispoñibilidade hídrica.

Como reflexión final fixo fincapé na necesidade de ter datos significativos e amplos para afrontar as medidas de mitigación e adaptación, poñendo de manifesto que as redes de observadores escolares como as que funcionan en Climántica, non solo teñen un importante valor educativo, senón que si se sosteñen ao longo do tempo, poden deixar series de datos moi útiles para facerlle fronte ao cambio climático.

En definitiva, o profesor Anadón deixounos con esta conferencia unha análise moi importante para relacionar aspectos científicos tan complexos como importantes e necesarios na aula como son os fluxos de enerxía dos ecosistemas e o cambio climático.

 

Resumo da conferencia "Historia do uso da enerxía"

imagen noticia

O venres 13 de marzo o catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz–Fierros, impartiu a primeira conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de Climántica na que abordou a Historia do uso da enerxía, con exemplificacións no contexto de Galicia, da que xa se pode ver o documental resumo en Climántica TV.

Situou a orixe da enerxía que necesitamos no Sol, expoñendo que esta enerxía electromagnética acaba resolvéndose mediante diferentes transformacións nas que se vai degradando e disipando como enerxía calorífica que aumenta a entropía do medio. En base a este enfoque, propuxo unha liña de análise da historia do uso da enerxía facendo un seguimento da historia dos convertedores.

Seguindo esta liña, sinalou que o primeiros convertedores foron os vexetais, mediante a fotosíntese, con unha eficiencia do orde do 1 ao 1,5%. Relacionou tamén este convertedor coa fosilización que leva a que a enerxía química así obtida quede gardada como reserva nos combustibles fósiles. Referiuse de seguido ao segundo convertedor de enerxía en aparecer sinalando que foron os herbívoros con unha eficiencia maior, do orde do 10%. En relación a este convertedor, argumentou que esta eficiencia conseguiuse aumentar mediante a domesticación dos animais e aplicación de técnicas para mellorar o seu rendemento no traballo, en especial a partires do que se coñece como a revolución agrícola, chegando así a eficiencias nos cabalos do orde do 18%, que foi a conversión máis eficiente ata o século XIX. Para situar máis este tema, fixo mención a que o home fai aproximadamente 8.000 anos empezou a cultivar plantas en Oriente próximo. Sobre estes inicios da agricultura, situou a incorporación de animais para facer traballo, sinalando que esta incorporación lle permitiu mellorar as súas posibilidades de traballo físico situadas nos 100 W de potencia. Explicou que a utilización dos bois supuxo unha multiplicación por 4 e o uso de cabalos permitiulle pasar aos 800 W, mencionando que esta medida dou pé ao establecemento da unidade do Cabalo de vapor, que se corresponde coa potencia que ten un cabalo.

Unha vez situada a importancia dos animais pasou a tratar o seguinte convertedor que apareceu e que está moi ligado ao uso de animais: as rodas. Comentou que o seu uso apareceu fai uns 5.500 anos, en introduciuse en Galicia, segundo estudos do equipo de Fábregas, fai uns 4.000 anos, uns mil anos despois da aparición dos cultivos de cereais. Sobre este desenvolvemento inicial da agricultura, expuxo que no inicio dos cultivos das leiras en Galicia permitían colleitas durante un ano ou dous. En relación a este dato, sinalou que logo deixaban de ser fértiles ata uns 30 anos máis tarde. Explicou tamén como a fertilidade dos solos de Galicia cando se empezaron a cultivar viuse moi diminuída pola erosión o que dou pé aos bancais, que parece ser que apareceron xa na época dos castros, permitindo un maior aproveitamento enerxético da superficie cultivable. Sobre esta revolución agrícola, concluíu que en Galicia abriu un ciclo moi estable, desde fai uns 4.500 anos ata, máis alá do século IX.

Situou no século IX a aparición duns convertedores importantes ligados á enerxía hidráulica: o muíño de auga (maioritariamente de roda horizontal) e a forxa hidráulica (normalmente de roda vertical), e con menos importancia, aparece tamén o muíño de vento. Entre os séculos XII e XIII aumentaron as ferrerías hidráulicas onde a auga ao impactar na roda vertical provocaba movemento nun mazo que golpeaba o ferro incandescente coas cinzas da madeira para obter así unha mestura de C e Fe capaz de formar un aceiro resistente. Tamén sinalou que paralelamente apareceu, con menos importancia, o aproveitamento do vento mediante muíños de casa fixa como os de Catoira e tamén asistimos a un desenvolvemento da vela para a navegación que da paso ás carabelas no século XIV que evolucionan ata os grandes veleiros do século XVIII. Neste contexto iniciado no século IX e ata o século XIII, sinalou que se produciron importantes avances na agricultura como a alternancia de cultivos: millo, centeo e cebada. Outro adianto desta época que salientou foi o arnés do cabalo, que permite labrar sitios moi pesados con arados de aceiro obtidos na forxa hidráulica, ao verse o animal liberado do risco de afogamento.

Comunicou tamén que a pesares destes avances tecnolóxicos, non é ate o século XIX cando a enerxía da máquina empeza a camiñar para superar á enerxía somático (do home e dos animais). Dixo que as maquinas de vapor anteriores ás deste século tiñan unhas eficiencias que non superaban o 10%. Suliñou que en Galicia a primeira máquina de vapor púxose en marcha nos estaleiros de Ferrol para achicar diques. En relación á entrada da máquina de vapor en Galicia, reflexionou sobre a ferrería de Sargadelos que puido ser o principio de industrialización, pero en realidade foi o remate do ciclo da madeira e da auga polo esgotamento da madeira, sen que se dera o paso nas súas ferrerías ao uso do carbón mineral na máquina de vapor aplicada á siderurxia. En relación a esta época, indicou tamén que o ferrocarril apareceu en Galicia en 1873 coa liña Santiago – Carril, abríndose a continuación á liña a Madrid.

A continuación entrou nos vectores do século XX, sinalando que a aparición da luz eléctrica en Galicia foi moi rápida, pois desde o seu inicio en Pontevedra en 1888, expandiuse a todas as vilas e cidades nos 8 anos seguintes. Sinalou tamén que en 1925 empezou a etapa dos grandes encoros, coa instalación de 24.000 cabalos na moderna Central que hoxe é Tambre I. Unha vez situada a importancia da electricidade, abordou o outro avance no uso da enerxía no inicio do século XX coa introdución dos motores de combustión interna. Situou a entrada dos coches en Galicia coa fabricación dos coches Castro que funcionou entre 1902-1904. Expuxo que o uso da electricidade e do coche levou a un importante aumento no consumo enerxético per cápita. Tamén comentou que durante o desenvolvemento tecnolóxico a poboación de Galicia pasou do orde de 300.000 habitantes que se calcula que tiña Galicia no ano 1300 ata os case 3 millóns actuais.

Así que desta interesante conferencia para a aplicación da unidade 2 de Climantica, podemos concluír que Galicia se comportou igual que o resto do mundo, coa maior dispoñibilidade de enerxía aumentou a súa poboación e a súa vez aumentou tamén o consumo per cápita.

 

Documental sobre a presentación da Unidade 2 nas xornadas do 13 e 14 de marzo

imagen noticia

As xornadas comezaron coa presentación da Unidade 2 por parte do director de Climántica, Francisco Sóñora. Acaba de publicarse en Climántica TV un documental que contén un resumo desta presentación. En primeiro lugar explicou a súa estrutura e os seus fíos condutores baseados no cambio climático e na historia das fontes enerxéticas. A continuación fixo un percorrido por cada capítulo, sinalando posibles obxectivos didácticos que poden contribuír a acadar cada un dos oito capítulos. Por último comentou as posibilidades didácticas da segunda fase desta unidade 2 en base á experiencia do desenvolvemento da fase II da unidade 1.

 

Primeira xornada do curso para maestros que desenvolven experiencias piloto de Climántica

imagen noticia

O sábado 18 de abril desenvolveuse a primeira sesión do I curso Aprendendo coas Escolas Climánticas.

Na primeira media hora presentouse o curso en base as características do proxecto, a concepción do primeiro centro interese para Primaria configurado polo estudo da evolución desde a xeración dos avós da forma de consumir e de movernos. Tamén se relacionou o curso cos produtos para Primaria (actividades en papel e interactivas web do libro Aprendemos coas escolas Climánticas, bandas deseñadas, novela A treboada de C e o videoxogo CLMNTK) e rematouse a presentación concretando estes aspectos na axenda das 6 sesións presenciais.

A continuación iniciáronse as actividades na aula de informática de Físicas das actividades programadas para a primeira sesión, onde se traballou co obxectivo: “Elaborar un prototipo de blogue de aula para Primaria en Aprendemos coas Escolas Climánticas”, facendo especial fincapé nos seguintes aspectos relativos á administración de blogues: acceso e administración, creación de categorías, inxestión de vínculos, utilización de etiquetas (tags), redacción, edición e publicación de entradas (posts) con textos, etiquetas e vínculos.

 

Resumo da posta en común da fase práctica do curso de CC para o Mundo Contemporaneo

imagen noticia

Durante a xornada de mañá do sábado 7 de marzo os docentes que asistiron ao curso Climántica nas CC. para o Mundo Contemporáneo dende a sostibilidade e as TIC presentaron as conclusións da aplicación da fase práctica do curso. Neste documental publicado en ClimánticaTV recóllese un resumo da posta en común.

As presentacións organizáronse en tres quendas. Antes do descanso presentáronse as aplicacións dos blogues temáticos e a continuación, dentro desta primeira parte, abriuse a segunda quenda, onde as tres profesoras de Portugal presentaron a aplicación que fixeron dentro do seu sistema educativo. Despois do descanso desenvolveuse a posta en común corresponde ao terceira quenda, onde os profesores de CC. Para o Mundo Contemporáneo que desenvolveron a materia con esta proposta, expuxeron as súas conclusións e valoracións. Cada quenda tivo a súa correspondente fase de coloquio. A vista dos resultados, o equipo Climántica quere manifestar os seus parabéns e agradecementos pola excelencia docente que se puxo de manifesto.