Riscos de contaminación na trituración pulverización e combustión
Debido á gran produción de enerxía eléctrica procedente das centrais térmicas, o volume
de residuos producidos neste tipo de instalación é considerable. Por cada tonelada de carbón
xérase unha media de entre 80 e 250 kg de residuos, sempre dependendo do tipo de carbón utilizado. China, Rusia
e EE UU son, por esta orde, os maiores xeradores de residuos procedentes da industria do carbón.
Non obstante, a reutilización destes residuos en diversos ámbitos estase a converter na mellor saída
para evitar o almacenamento. Así, o principal destino son os materiais de construción en obras de
enxeñaría civil, tanto en forma bruta (materiais de recheo en minaría, construción de
camiños) como de forma aglomerada (aditivos en formigón e cemento, na industria cerámica, etc.).
As centrais térmicas son tamén os principais causantes da choiva ácida xa que nestas
instalacións se queiman carbóns con contidos significantes de xofre, o que provoca a emisión de
importantes cantidades de óxidos deste elemento. O efecto desta choiva ácida deixase notar na
acidificación das augas continentais, en danos na vexetación, na deterioración dos monumentos e
edificacións, etc., tal e como veremos ao remate deste capítulo.