O desorde das cidades do carbón
A máquina de vapor, alimentada polo carbón, modificou a sociedade de século XIX, facilitando que as
industrias se concentraran en zonas de fácil acceso para o ferrocarril e para os barcos de vapor, aumentando a
produción, a mecanización e a poboación deses núcleos. Todos os procesos industriais pasaron a
vertebrarse sobre a máquina de vapor: obtención de tecidos, vidro e sobre todo aceiro, que a súa vez
resultaba básico para conseguir estruturas e ferramentas. Este aumento da produción impulsaba os procesos de
comercialización que, pola súa banda, propiciaban melloras técnicas e inventos que servían para
satisfacer novos desexos e facían conscientes ao pobo de novas necesidades, o que levou a valorar as máquinas
máis que ás persoas.
Este culto pola máquina rompeu o equilibrio entre o campo e a industria, o que deu lugar a dous tipos de zonas ben
diferenciadas: zonas de produción de alimentos e materias primas e zonas industriais para a súa
transformación. As zonas industriais foron acumulando man de obra para aproveitar a eficiencia da máquina.
Aínda que os traballos realizados polas máquinas de vapor foron inmensos se os comparamos co desenvolvemento
manual dos mesmos, as perdas derivadas desta ruptura social tamén foron grandes. Isto, xunto co avance da mobilidade,
favorecida polo transporte por ferrocarril, provocou que o control do tempo se convertese nunha aspiración, e a
aceleración do ritmo pasou a ser un novo imperativo para a industria e o “progreso”. A redución do
tempo converteuse nun fin en si mesmo, e baseándose neste principio, aumentáronse os horarios laborais para
aproveitar ao máximo as posibilidades de produción que ofrecían as máquinas. Esta
disociación diminuíu a cohesión social e propiciou folgas e conflitos sociais.