Usos e abusos da leña
A madeira era de suma importancia para a vida da época, porque ademais de ser a fonte básica de
enerxía, era a materia prima para a fabricación de ferramentas e das principais máquinas da industria da
época. O ser humano necesitaba para vivir, ademais dos alimentos que comía, o Sol que o quentaba. Cando o Sol
non estaba presente a única forma de conseguir esa calor era queimando leña.
A madeira non só servía para fabricar os utensilios, senón que era a enerxía básica
para as actividades produtivas, posto que as outras dúas fontes de enerxía usadas, o vento e a auga, estaban
sometidas aos caprichos do tempo atmosférico, dos climas locais e da precipitación anual, por iso a madeira se
converteu na materia universal da economía anterior á revolución industrial, porque dela dependía
a industria. Pero ao mesmo tempo as máquinas da industria eran igualmente de madeira. Naquela época, a madeira
xogaba o papel que desempeñan agora os metais na industria.
A madeira non só se consumiu por necesidade directa como materia prima da industria, senón que tamén
se usou de forma indirecta na minería, na forxa e na fundición, e nas vigas para estear as galerías das
minas e para construír carros de madeira que transportaban o mineral.
A forxa hidráulica consumía moito carbón vexetal incandescente para conseguir a mestura eficaz entre
o ferro e o carbono que se lograba mediante os golpes do mazo movido pola enerxía hidráulica.
O consumo veuse acelerado cara ao 1500, cando naceu o barco de tres paus que permitía facer viaxes oceánicas
de altura grazas ás cales se puido buscar recursos noutros lugares. Para o crecemento desta frota, consumíronse
grandes cantidades de madeira. Ao mesmo tempo, e sobre todo co descubrimento de América, incrementouse a frota e o
desenvolvemento de armamento que requiría de aceiros lixeiros e resistes, o que potenciou a forxa hidráulica.
Por iso, aínda que a corta de bosques para o cultivo diminuíu considerablemente a cantidade de madeira
dispoñible, a crise definitiva desencadeouse como consecuencia do aumento da produción de ferro e da
construción de buques.