Por que eleximos climántica?

¿Por que eliximos CLIMÁNTICA como elemento vertebrador da VI Semana da Ciencia?

Unha das nosas metas como profesionais do ensino é contribuír activamente a facer deste Planeta un lugar habitable onde a xustiza social e a conservación do medio natural sexan prioridades interiorizadas por toda a sociedade. Por iso, e dende o noso papel de educadores, temos a obriga non só de transmitir coñecementos relativos á problemática do mundo actual, senón que debemos concienciar aos xoves para que asuman a solidariedade cos desfavorecidos e a defensa do medio natural coma referencias fundamentais na súa vida.

Dende esta óptica, participar como Centro Piloto no Proxecto Climántica, permite achegarnos de forma concreta e eficaz ás nosas metas:

Porque Climántica posibilita a adquisición de coñecementos significativos relacionados coa problemática global do planeta, en especial co cambio climático derivado do modelo industrial no que vivimos e as consecuencias asociadas.

Porque Climántica permite desenvolver o traballo colectivo e á formación plena e continua do alumnado a través de diferentes tarefas e actividades prácticas organizadas en torno a unha idea central básica no mundo actual.

Porque Climántica favorece a toma de conciencia ante a graves crise ambiental na que a sociedade do século XXI está inmersa, á vez que proporciona instrumentos para estender estas inquietudes máis aló das paredes das aulas.

Pola posibilidade que se nos brinda de comunicar a unha parte da sociedade a importancia de tomar medidas para frenar os efectos do cambio climático.

Porque queremos facer unha escola viva, dinámica e en contacto coa realidade.