Presentación

Triptico de presentación
¿Por que A SEMANA DA CIENCIA?
  • logo

Baixo o título “Semana da Ciencia”, o Departamento de Ciencias Naturais do IES Nº1 de Ribeira en colaboración con outros Seminarios vén realizando dende o ano 2001 un conxunto de actividades concentradas na derradeira semana de maio co fin de contribuír dun xeito participativo, activo e lúdico á divulgación e interese pola ciencia entre a comunidade escolar da nosa bisbarra e a sociedade en xeral.

A Semana da Ciencia nace, como decimos, no curso 00-01 por iniciativa do Departamento de Ciencias Naturais como un proxecto ambicioso nos seus obxectivos e innovador na súa realización: Ambicioso porque pretende colaborar na busca de respostas relativas ó problema do escaso interese do alumnado e a sociedade respecto á ciencia, ciencia que paradoxicamente imbúe e modifica o noso entorno cos continuos descubrementos que realiza, e polas súas aplicacións técnicas, que nos afectan intensamente e de xeito cotiá. A ciencia representa unha parte importantísima da cultura á que os alumnos e concidadáns non poden nin deben renunciar. Pretendemos que esta experiencia involucre tamén ó maior número de profesores, e sirva como un elemento ilusionador ó que sumarse nun momento no que a profesión docente é tan incomprendida e complexa.

Innovador porque “A Semana da Ciencia” está deseñada como instrumento educativo onde o protagonista é o alumnado, que asume durante esa semana o papel de profesor, explicando a compañeiros, docentes e veciños, experiencias científicas previamente preparadas. O profesorado resulta beneficiado pola experiencia, xa que lle permite saír da dinámica habitual da aula, e mergullarse nun traballo cooperativo que resulta moi satisfactorio polo estimulante que é o traballo en equipo, tanto nos aspectos profesionais coma nos persoais.

Por outra banda ó ser unha experiencia aberta, na que participa toda a comunidade escolar, permite o encontro dos diferentes axentes nun entorno máis informal e lúdico, pero non por iso menos formativo. Asimesmo temos a convicción de que esta actividade resulta unha ferramenta innovadora, de elevado interese pedagóxico, altamente satisfactoria e repetible en calquera centro coas variacións que se desexen.

En que consiste A Semana da Ciencia

Se ben cada ano as actividades concretas realizadas son sempre diferentes, a idea central segue un patrón común no seu deseño, obxectivos e materialización práctica, destacando que durante a celebración destas xornadas o Centro Escolar cobra nova vida e semella unha animada feira onde os productos a vender son entusiasmo e inquietude pola ciencia, sendo os alumnos os protagonistas principais en todo momento destes acontecementos. O modelo común a todas as edicións realizadas é o seguinte:

Casetas de experiencias científicas, Obradoiros, Exposicións, Presentacións Multimedia e Outras actividades