Diferentes formas de enerxía no Universo
Certamente a enerxía do Sol permite a vida sobre a Terra. Pero tamén hai enerxía nas estrelas, no
campo gravitatorio da terra no espazo exterior, e existen outras formas de enerxía no Universo, algunhas moi
próximas a nós e tan necesarias como útiles. Se un corpo calquera quece, cambiou a súa
enerxía térmica, gañando calor. Se está en movemento e cambia a súa velocidade, é
porque houbo un cambio na súa enerxía cinética. Se cambia de forma ou tamaño, é porque se
fixo un traballo de deformación, que precisou de enerxía mecánica. Se cambia un obxecto de altura con
respecto ao chan, tamén cambiou a súa enerxía potencial por acción da gravidade. Se pasa de
sólido a líquido, é porque aumentou a súa enerxía interna.
Se o Universo se formou desde o Big Bang a partir dunha enerxía densa que orixinou un proceso de expansión
continuo que vai perdendo enerxía, a enerxía do Sol e do seu sistema planetario ten que ver necesariamente con
ese proceso. Polo tanto, a enerxía está fluíndo constantemente no Universo, producindo todos e cada un
dos cambios que se poden observar no mundo físico.
Poucos conceptos son tan intuitivos é a vez tan complicados de definir como a enerxía. Pero en todos os
exemplos anteriores a enerxía móstrase como unha capacidade de producir cambios. Obviamente, non todos os
corpos teñen a mesma enerxía, ou como a vimos definindo, a mesma capacidade de producir cambios no Universo que
os rodea. O resorte dun bolígrafo que teñamos comprimido terá unha pequena cantidade de enerxía
almacenada que poderemos liberar soltándoo, e que poderiamos utilizar, por exemplo, para desprazar sobre a mesa unha
bóla duns cantos centímetros. Pola contra, nunha bomba atómica podemos ter almacenada nuns poucos quilos
de uranio ou plutonio, tanta enerxía (neste caso capacidade de producir cambios en forma de destrución) como a
que terían varios millóns de camións cheos de explosivo do tipo da dinamita!