Diferentes formas de enerxía no Universo

Certamente a enerxía do Sol permite a vida sobre a Terra. Pero tamén hai enerxía nas estrelas, no campo gravitatorio da terra no espazo exterior, e existen outras formas de enerxía no Universo, algunhas moi próximas a nós e tan necesarias como útiles. Se un corpo calquera quece, cambiou a súa enerxía térmica, gañando calor. Se está en movemento e cambia a súa velocidade, é porque houbo un cambio na súa enerxía cinética. Se cambia de forma ou tamaño, é porque se fixo un traballo de deformación, que precisou de enerxía mecánica. Se cambia un obxecto de altura con respecto ao chan, tamén cambiou a súa enerxía potencial por acción da gravidade. Se pasa de sólido a líquido, é porque aumentou a súa enerxía interna.

unidad2

Se o Universo se formou desde o Big Bang a partir dunha enerxía densa que orixinou un proceso de expansión continuo que vai perdendo enerxía, a enerxía do Sol e do seu sistema planetario ten que ver necesariamente con ese proceso. Polo tanto, a enerxía está fluíndo constantemente no Universo, producindo todos e cada un dos cambios que se poden observar no mundo físico.

Poucos conceptos son tan intuitivos é a vez tan complicados de definir como a enerxía. Pero en todos os exemplos anteriores a enerxía móstrase como unha capacidade de producir cambios. Obviamente, non todos os corpos teñen a mesma enerxía, ou como a vimos definindo, a mesma capacidade de producir cambios no Universo que os rodea. O resorte dun bolígrafo que teñamos comprimido terá unha pequena cantidade de enerxía almacenada que poderemos liberar soltándoo, e que poderiamos utilizar, por exemplo, para desprazar sobre a mesa unha bóla duns cantos centímetros. Pola contra, nunha bomba atómica podemos ter almacenada nuns poucos quilos de uranio ou plutonio, tanta enerxía (neste caso capacidade de producir cambios en forma de destrución) como a que terían varios millóns de camións cheos de explosivo do tipo da dinamita!