Se usamos a enerxía degradámola
É importante observar que aínda que en todas as transformacións non se crea nin destrúe
enerxía, no mundo real é imposible transformar totalmente toda a enerxía que estea presente
nunha determinada forma a traballo útil, porque sempre unha parte dela, por pequena que
sexa, se transformará en calor (que é outra das formas que adopta a enerxía).
Tanto a enerxía que precisamos para a vida da nosas células coma aquela que é propia dos nosos usos
culturais debémola obter das cadeas de carbono procedentes dos nutrientes ou dos combustibles. Cando a enerxía
é utilizada en calquera proceso natural ou tecnolóxico, unha parte dela é degradada en forma de calor,
calor que pasa a quentar inevitablemente un corpo máis frío (ordinariamente aire ou auga do medio externo) e
non vale para facer o traballo para o que en orixe estaba destinada. Por exemplo, non podemos transformar toda a
enerxía química presente nun depósito de gasolina —nas cadeas de C de orixe orgánica—
en traballo no motor dun vehículo, xa que no proceso se producirá unha cantidade de calor que se perderá
polo tubo de escape, e máis aínda na fricción das pezas do motor; esa enerxía non a poderemos
transformar en movemento do coche nin en ningunha outra forma de traballo útil. Explica
Esta emisión de calor que non se utiliza para facer o traballo para o que se usa a enerxía é o que
chamamos “degradación da enerxía”, que quere dicir que cada vez que a enerxía pasa dunha a
outra das formas que adopta, aínda que nin se crea nin se destrúe, vai deixando de ser útil para
transformarse en traballo, xa que unha fracción da mesma pasa a converterse en calor de baixa temperatura, que xa non
é apta para converterse outra vez en traballo e que quedará xa permanentemente en forma de calor. Vén
ser unha especie de imposto que hai que pagar por utilizar as enormes reservas de enerxía que teñen os
combustibles para poder manter as nosas células con vida ou os nosos motores e aparellos tecnolóxicos en
marcha.
A ciencia que estuda a enerxía, as súas transformacións noutras diversas formas, en calor ou en
traballo é a termodinámica. A termodinámica desenvolveuse para estudar a enerxía. A primeira lei
da termodinámica pódese enunciar dicindo que: “a enerxía nin se crea nin se destrúe,
só se transforma”. Esta 1.ª lei dá resposta a preguntas como cánta enerxía hai no
petróleo ou no gas, no vapor a alta ou baixa presión, ou nos alimentos, coma, por exemplo, nunha empanada ou
nunha pizza. Trata, polo tanto, da conservación e do intercambio de enerxía, ou tamén de cánto
dun tipo de enerxía é equivalente a outro tipo de enerxía. Segundo esta 1.º lei non habería
ningún problema enerxético no mundo, porque a enerxía sempre se conservaría.