Analizando as emisións sometidas a control

As emisións totais de gases GEI en Galicia sometidas a control procederon no ano 2008 das 61 instalacións que participan no mercado de dereitos de emisión pertencentes aos sectores da xeración de enerxía eléctrica, combustión, refinado de petróleo e produción de cemento, cal, vidro, cerámica, aceiro e papel. Estas instalacións teñen a obriga de verificar anualmente as emisións de CO2 e de entregar un número de dereitos de emisión equivalente ao dato de emisións verificadas.

Unidad2

A maior parte das emisións sometidas ao protocolo de Kioto proceden da produción de enerxía eléctrica. O aumento da produción de enerxía eléctrica de orixe renovable non implica en si mesmo unha redución neta de emisións, pero si evita o incremento de emisións de GEI que se producirían de xerarse a devandita enerxía a través doutras tecnoloxías con factores de emisión de GEI maiores.

Unidad2

Galicia ten unha gran capacidade de transformación enerxética, que representa un 10% de toda a enerxía primaria do Estado. Isto vese reflectido en que as emisións de gases GEI na nosa Comunidade procedentes da xeración eléctrica foron durante o período 1990–2006 as que máis contribuíron ás emisións totais, representando no ano 2006 o 41,7%. Non obstante, cómpre sinalar que Galicia é unha das comunidades que produce máis enerxía en relación coas súas necesidades, exportando unha parte importante da electricidade final xerada.

A diferenza entre as emisións procedentes da totalidade da enerxía xerada en Galicia e as emisións correspondentes á exportación enerxética fóra da nosa comunidade constitúe as emisións netas ou emisións debidas á xeración en Galicia dunha cantidade de enerxía eléctrica igual á demandada pola actividade económica e social no noso territorio. Como media, o 14,7% das emisións totais de GEI en Galicia corresponderon á produción de enerxía consumida fóra da comunidade galega durante o período 1990–2006.

As emisións netas de GEI en Galicia ascenderon un 22,6% con respecto ás emisións netas do ano 1990. Cabe salientar que o aumento das emisións exportadas durante o período 1990–2006 non é proporcional ao aumento da enerxía exportada. Isto é debido ao mellorado factor de emisión de gases GEI asociado á produción eléctrica en Galicia, consecuencia da introdución de enerxías renovables e das melloras nos procesos de xeración de enerxía incorporadas polas empresas que operan no noso territorio.