Repercusións da dínamo hidráulica sobre o urbanismo e a industria

Unidad2

Nesta aplicación da electricidade aos procesos industriais houbo pioneiros como o profesor Jacobi, quen en 1938 en San Petersburgo conseguiu facer navegar un barco sobre o Neva a unha velocidade de 4 millas hora impulsado por un motor electromagnético. Outro pioneiro, Page, en 1849 conseguiu unha velocidade de 19 millas nun ferrocarril movido por unha máquina electromagnética no percorrido de Baltimore a Washington.

Pero para a supresión do vapor e a substitución deste pola electricidade foron necesarios o perfeccionamento práctico da dínamo por Werner Siemens (1886) e o alternador de Nicola Tesla (1887). Pouco despois desenvolvéronse a central eléctrica e o sistema de distribución inventados por Edison (1882).

Esta aplicación da electricidade provocou cambios revolucionarios: estes afectaron á situación e á concentración das industrias e á organización detallada da fábrica, así como a multitude de servizos e institucións interrelacionadas. Ata a aparición da electricidade, a industria dependía por completo da mina de carbón como fonte de enerxía. As industrias pesadas víronse obrigadas a instalarse próximas á mina mesma, ou a medios baratos de transporte como o ferrocarril.

Esta vantaxe da dínamo eléctrica fronte á maquina de vapor favoreceu a diminución da dependencia que había no século XIX dos centros produtores xigantes, nos que se montaba o maior número de unidades posibles sobre unha mesma árbore de transmisión usando correas de transmisión para aumentar as eficiencias. Isto daba lugar a que os centros aumentasen de tamaño e se aglomerasen, sen intentar adaptar a dimensión á eficacia. A introdución do motor eléctrico incrementou a eficacia do motor, suprimindo as correas que diminuían a luz e a devandita eficacia e permitindo o traballo en unidades independentes. Cada unidade podía traballar segundo a súa propia velocidade e arrancar e parar segundo os seus propios requirimentos, sen perdas de enerxía para o funcionamento da fábrica no seu conxunto, incrementando o rendemento aproximadamente nun 50%.

Unidad2

Grazas a estas posibilidades do uso da electricidade, pequenas unidades de produción puideron organizarse en grandes unidades de administración, dándolle así un impulso á industria a pequena escala e podendo esta, por primeira vez desde a introdución da máquina de vapor, competir en condicións de igualdade con unidades maiores. Isto permite que a instalación non teña que estar funcionando continuamente, nin que tampouco sexa necesario ter unha cantidade inxente de produción para un mercado afastado, podendo así responder sen máis á demanda e á oferta local á vez que diminúen os gastos xerais de persoal permanente.

A electricidade permitiu que zonas montañosas inaccesibles, como as dos Alpes, as Montañas Rochosas ou o interior de África se convertesen por primeira vez en potenciais fontes de enerxía e en posibles lugares para a industria moderna: a captación da enerxía da auga, grazas á eficiencia suprema da turbina hidráulica, que rende o 90%, abriu novos recursos e novas zonas de colonización; zonas máis irregulares en canto á topografía e con frecuencia máis sas en canto ao clima que os fondos dos vales e as terras baixas que se poboaron co desenvolvemento do ferrocarril a vapor.

Unidad2

O poder dispoñer da forza hidráulica para producir enerxía cambiou finalmente a distribución da industria do século XX e diminuíu o potencial que acadaron Europa e EEUU no réxime do carbón e o petróleo ao longo do século XIX e a principios do XX, pois Asia e América do Sur están case tan ben dotadas de enerxía hidráulica como as rexións industriais, e África ten tres veces máis que Europa ou América do Norte. Non obstante, este potencial hidráulico vese cada vez máis limitado, sobre todo no contexto do cambio climático.