Repercusións da dínamo hidráulica sobre o urbanismo e a industria
Nesta aplicación da electricidade aos procesos industriais houbo pioneiros como o profesor Jacobi, quen en 1938 en
San Petersburgo conseguiu facer navegar un barco sobre o Neva a unha velocidade de 4 millas hora impulsado por un motor
electromagnético. Outro pioneiro, Page, en 1849 conseguiu unha velocidade de 19 millas nun ferrocarril movido por unha
máquina electromagnética no percorrido de Baltimore a Washington.
Pero para a supresión do vapor e a substitución deste pola electricidade foron necesarios o perfeccionamento
práctico da dínamo por Werner Siemens (1886) e o alternador de Nicola Tesla (1887). Pouco despois
desenvolvéronse a central eléctrica e o sistema de distribución inventados por Edison (1882).
Esta aplicación da electricidade provocou cambios revolucionarios: estes afectaron á situación e
á concentración das industrias e á organización detallada da fábrica, así como a
multitude de servizos e institucións interrelacionadas. Ata a aparición da electricidade, a industria
dependía por completo da mina de carbón como fonte de enerxía. As industrias pesadas víronse
obrigadas a instalarse próximas á mina mesma, ou a medios baratos de transporte como o ferrocarril.
Esta vantaxe da dínamo eléctrica fronte á maquina de vapor favoreceu a diminución da
dependencia que había no século XIX dos centros produtores xigantes, nos que se montaba o maior número
de unidades posibles sobre unha mesma árbore de transmisión usando correas de transmisión para aumentar
as eficiencias. Isto daba lugar a que os centros aumentasen de tamaño e se aglomerasen, sen intentar adaptar a
dimensión á eficacia. A introdución do motor eléctrico incrementou a eficacia do motor,
suprimindo as correas que diminuían a luz e a devandita eficacia e permitindo o traballo en unidades independentes.
Cada unidade podía traballar segundo a súa propia velocidade e arrancar e parar segundo os seus propios
requirimentos, sen perdas de enerxía para o funcionamento da fábrica no seu conxunto, incrementando o
rendemento aproximadamente nun 50%.
Grazas a estas posibilidades do uso da electricidade, pequenas unidades de produción puideron organizarse en
grandes unidades de administración, dándolle así un impulso á industria a pequena escala e
podendo esta, por primeira vez desde a introdución da máquina de vapor, competir en condicións de
igualdade con unidades maiores. Isto permite que a instalación non teña que estar funcionando continuamente,
nin que tampouco sexa necesario ter unha cantidade inxente de produción para un mercado afastado, podendo así
responder sen máis á demanda e á oferta local á vez que diminúen os gastos xerais de
persoal permanente.
A electricidade permitiu que zonas montañosas inaccesibles, como as dos Alpes, as Montañas Rochosas ou o
interior de África se convertesen por primeira vez en potenciais fontes de enerxía e en posibles lugares para a
industria moderna: a captación da enerxía da auga, grazas á eficiencia suprema da turbina
hidráulica, que rende o 90%, abriu novos recursos e novas zonas de colonización; zonas máis irregulares
en canto á topografía e con frecuencia máis sas en canto ao clima que os fondos dos vales e as terras
baixas que se poboaron co desenvolvemento do ferrocarril a vapor.
O poder dispoñer da forza hidráulica para producir enerxía cambiou finalmente a distribución
da industria do século XX e diminuíu o potencial que acadaron Europa e EEUU no réxime do carbón e
o petróleo ao longo do século XIX e a principios do XX, pois Asia e América do Sur están case tan
ben dotadas de enerxía hidráulica como as rexións industriais, e África ten tres veces
máis que Europa ou América do Norte. Non obstante, este potencial hidráulico vese cada vez máis
limitado, sobre todo no contexto do cambio climático.