Se usamos a enerxía degradámola

É importante observar que aínda que en todas as transformacións non se crea nin destrúe enerxía, no mundo real é imposible transformar totalmente toda a enerxía que estea presente nunha determinada forma a traballo útil, porque sempre unha parte dela, por pequena que sexa, se transformará en calor (que é outra das formas que adopta a enerxía).

unidad2

Tanto a enerxía que precisamos para a vida da nosas células coma aquela que é propia dos nosos usos culturais debémola obter das cadeas de carbono procedentes dos nutrientes ou dos combustibles. Cando a enerxía é utilizada en calquera proceso natural ou tecnolóxico, unha parte dela é degradada en forma de calor, calor que pasa a quentar inevitablemente un corpo máis frío (ordinariamente aire ou auga do medio externo) e non vale para facer o traballo para o que en orixe estaba destinada. Por exemplo, non podemos transformar toda a enerxía química presente nun depósito de gasolina —nas cadeas de C de orixe orgánica— en traballo no motor dun vehículo, xa que no proceso se producirá unha cantidade de calor que se perderá polo tubo de escape, e máis aínda na fricción das pezas do motor; esa enerxía non a poderemos transformar en movemento do coche nin en ningunha outra forma de traballo útil. Explica

Esta emisión de calor que non se utiliza para facer o traballo para o que se usa a enerxía é o que chamamos “degradación da enerxía”, que quere dicir que cada vez que a enerxía pasa dunha a outra das formas que adopta, aínda que nin se crea nin se destrúe, vai deixando de ser útil para transformarse en traballo, xa que unha fracción da mesma pasa a converterse en calor de baixa temperatura, que xa non é apta para converterse outra vez en traballo e que quedará xa permanentemente en forma de calor. Vén ser unha especie de imposto que hai que pagar por utilizar as enormes reservas de enerxía que teñen os combustibles para poder manter as nosas células con vida ou os nosos motores e aparellos tecnolóxicos en marcha.

A ciencia que estuda a enerxía, as súas transformacións noutras diversas formas, en calor ou en traballo é a termodinámica. A termodinámica desenvolveuse para estudar a enerxía. A primeira lei da termodinámica pódese enunciar dicindo que: “a enerxía nin se crea nin se destrúe, só se transforma”. Esta 1.ª lei dá resposta a preguntas como cánta enerxía hai no petróleo ou no gas, no vapor a alta ou baixa presión, ou nos alimentos, coma, por exemplo, nunha empanada ou nunha pizza. Trata, polo tanto, da conservación e do intercambio de enerxía, ou tamén de cánto dun tipo de enerxía é equivalente a outro tipo de enerxía. Segundo esta 1.º lei non habería ningún problema enerxético no mundo, porque a enerxía sempre se conservaría.