Crecemento da poboación e aumento da dependencia dos combustibles fósiles e do cambio climático
Esta sociedade tecnolóxica enraizada na revolución industrial estanos levando a esgotar ese depósito
xigantesco de enerxía solar acumulado ao longo de 3 000 millóns de anos e a pagar as consecuencias en canto
á desorde e á contaminación ambiental, o que nos sitúa diante de retos tan importantes como o
cambio climático. Pero desde o punto de vista ético a situación aínda é máis
preocupante, xa que un 25% da poboación mundial somos moito máis responsables desta situación, pois os
países industrializados somos aproximadamente ¼ da poboación mundial, pero consumimos un 75% dos
recursos enerxéticos.
Os datos de crecemento de poboación, de consumo de enerxía por individuo, a enorme dependencia
enerxética do petróleo, un recurso non renovable moi explotado, e a constatación da influencia humana no
quecemento global fannos visualizar un escenario de crise enerxética.
A situación de crise económica pode favorecer que se esqueza a preocupación que nos produce esta
situación, pois na nosa sociedade industrial actual o crecemento de consumo enerxético e o correspondente
aumento de emisións de CO2 preséntanse como males menores derivados do necesario crecemento
económico, que en situacións de crise económica pasa a ser prioritario. Ademais, nas sociedades
tecnolóxicas actuais, tanto o crecemento do consumo enerxético como o das emisións de CO2
superan ao da economía, polo que é evidente que pretender saír da crise económica dentro da
economía correspondente ao actual ciclo enerxético non é compatible coa necesaria mitigación do
cambio climático.
Non podemos esquecer que as crises indican a fin dun ciclo enerxético, polo que hai que investigar para saír
da dependencia dos combustibles fósiles e propoñernos reducir a nosa dependencia dun consumo enerxético
tan elevado. Tamén deberiamos empezar a pensar en que é posible que a solución á crise industrial
na que estamos inmersos non sexa tecnolóxica, e así buscar a tempo outras saídas. Sen dúbida,
esas saídas deberán ter unha base ambiental, porque canto máis queiramos estender a técnica
á sociedade, de acordo coa segunda lei da termodinámica, máis a desordenaremos e fragmentaremos.