Crecemento da poboación e aumento da dependencia dos combustibles fósiles e do cambio climático

Esta sociedade tecnolóxica enraizada na revolución industrial estanos levando a esgotar ese depósito xigantesco de enerxía solar acumulado ao longo de 3 000 millóns de anos e a pagar as consecuencias en canto á desorde e á contaminación ambiental, o que nos sitúa diante de retos tan importantes como o cambio climático. Pero desde o punto de vista ético a situación aínda é máis preocupante, xa que un 25% da poboación mundial somos moito máis responsables desta situación, pois os países industrializados somos aproximadamente ¼ da poboación mundial, pero consumimos un 75% dos recursos enerxéticos.

unidad2

unidad2

Os datos de crecemento de poboación, de consumo de enerxía por individuo, a enorme dependencia enerxética do petróleo, un recurso non renovable moi explotado, e a constatación da influencia humana no quecemento global fannos visualizar un escenario de crise enerxética.

A situación de crise económica pode favorecer que se esqueza a preocupación que nos produce esta situación, pois na nosa sociedade industrial actual o crecemento de consumo enerxético e o correspondente aumento de emisións de CO2 preséntanse como males menores derivados do necesario crecemento económico, que en situacións de crise económica pasa a ser prioritario. Ademais, nas sociedades tecnolóxicas actuais, tanto o crecemento do consumo enerxético como o das emisións de CO2 superan ao da economía, polo que é evidente que pretender saír da crise económica dentro da economía correspondente ao actual ciclo enerxético non é compatible coa necesaria mitigación do cambio climático.

Non podemos esquecer que as crises indican a fin dun ciclo enerxético, polo que hai que investigar para saír da dependencia dos combustibles fósiles e propoñernos reducir a nosa dependencia dun consumo enerxético tan elevado. Tamén deberiamos empezar a pensar en que é posible que a solución á crise industrial na que estamos inmersos non sexa tecnolóxica, e así buscar a tempo outras saídas. Sen dúbida, esas saídas deberán ter unha base ambiental, porque canto máis queiramos estender a técnica á sociedade, de acordo coa segunda lei da termodinámica, máis a desordenaremos e fragmentaremos.