Pensando na pegada
Problemática das grandes superficies.
Cada vez está máis de moda comprar en grandes centros comerciais, onde temos numerosas tendas de distintas
marcas e unha gran variedade de produtos para escoller, ademais, estes centros facilitan estacionamento gratuíto e a
posibilidade de levar a cabo actividades de lecer
(cafetarías, cines, centros de xogo para os cativos, etc.), de tal forma que xa non se trata de cubrir unha necesidade
(comprar unha serie de produtos que precisamos), senón de pasar o tempo libre dunha forma diferente. Mais... que
repercusións ten esta forma de lecer-consumo?
Por un lado, está o impacto derivado da construción deses edificios, xa que normalmente non se reutilizan
edificios existentes, senón que se crean uns novos, de considerable tamaño, nos cales se gastan non só
cartos senón tamén gran cantidade de materiais e de enerxía. Esta enerxía vaise empregar tanto na
produción primaria deses materiais como no seu transporte ao lugar da edificación e na construción do
centro.
Por outro lado, temos o elevado gasto enerxético que esixe o funcionamento de toda esa infraestrutura. Son
edificacións nas cales hai numerosos focos de iluminación, calefacción e aire acondicionado, etc. para
garantir o máximo confort das persoas que os visitan, confort que se traduce en malgasto de enerxía.
Por último, debemos ter en conta o impacto provocado polas persoas que van facer uso dese centro ou que van
traballar no mesmo. Dado que, por regra xeral, estas edificacións están algo afastadas dos centros das cidades,
é frecuente que as persoas que as visitan vaian en coche, provocando así un gasto enerxético
considerable e totalmente evitable.
A solución...? Estes grandes centros comerciais son totalmente prescindibles; sempre temos a opción de
comprar eses mesmos produtos ou outros de uso similar en tendas integradas na nosa cidade ou vila. Indo a pé a esas
tendas non só se favorece o aforro enerxético, senón que tamén se facilita a creación de
lazos comunitarios e se lles dá vida aos barrios.
As grandes cadeas de distribución comercializan produtos de todas as partes do mundo, transportándoos a grandes
distancias, e exercen un gran poder sobre os produtores, de tal forma que son elas as que impoñen as condicións de traballo,
os prezos etc., e ademais promoven un modelo de consumo desmesurado.
Fronte a isto, as pequenas tendas de barrio teñen, por regra xeral, produtos máis locais, axustan os pedidos
aos hábitos da clientela (de tal forma que é pouco frecuente que teñan que desfacerse de alimentos),
teñen máis produtos a granel (evitando así embalaxes innecesarias) e, ao seren máis pequenas,
teñen que chegar a acordos nos prezos coas persoas produtoras, acordos que son máis xustos para todas as partes
que no caso das grandes cadeas de distribución.
Tamén existen grupos ou cooperativas de consumo responsable que lles dan prioridade aos produtos locais
ecolóxicos e ao contacto directo coas persoas produtoras, eliminando así intermediarios. En ocasións,
teñen tenda cun prezo diferente para os socios e para os non socios.