Temos que cambiar as fontes de enerxía
En todo o mundo, o 86% da enerxía consumida provén do carbón, do petróleo e do gas natural.
Como sabemos, son fontes de enerxía non renovables. No caso de Galicia, tal e como podemos observar na seguinte
gráfica, vemos que o 85,4% da enerxía consumida provén destas mesmas fontes. Ademais, debemos ter en
conta que todo o cru de petróleo, os produtos petrolíferos, o gas natural e algo máis da metade do
carbón son importados doutras partes do mundo.
Somos, xa que logo, altamente dependentes de fontes non renovables de enerxía. Estes recursos tardaron
millóns de anos en formarse, polo cal, aínda que nunca se esgotarán totalmente, chegará un
momento en que xa non sexan extraíbles, é dicir, que os xacementos xa non serán explotables.
As grandes compañías petrolíferas de todo o mundo xa levan anos vendo minguadas as súas
posibilidades de explotación debido a que cada vez atopan menos xacementos explotables, e os que se están
explotando vanse esgotando. Esta realidade é extrapolable ao gas natural a medio prazo.
As predicións a nivel planetario indican que, se o ritmo de crecemento no consumo das enerxías non
renovables é constante, o petróleo se esgotará en 40 anos e o gas natural non durará mais de 70
anos. En relación ao carbón, aínda hai existencias para uns 250 ou 300 anos.
É moi difícil predicir con exactitude canto vai a aumentar o consumo destes combustibles; moitos expertos
opinan que para o 2020 o consumo se elevará a 120 millóns de barrís diarios de petróleo no mundo,
é dicir, un 50% máis que na actualidade. Se temos en conta o gran crecemento previsto para os países
chamados “en vías de desenvolvemento”, xunto co xa imparable dos países ricos, as reservas
poderían acabarse antes do previsto.
Sen descubrimentos masivos de novos xacementos, e sen a toma de medidas urxentes para substituír estas fontes de
enerxía por outras (as enerxías renovables neste momento son amplamente insuficientes para substituír as
non renovables), os prezos subirán, as existencias seguirán diminuíndo ata non ser extraíbles e
daquela estaremos ante un colapso enerxético que afundirá a economía a nivel mundial, e con ela, a nosa
civilización.
Sectores da poboación pensan que os avances tecnolóxicos poderán achegar solucións a este
grave problema, pero ata o momento ningunha das melloras tecnolóxicas en eficiencia enerxética provocou unha
diminución no consumo enerxético global. Polo tanto, non é posible acadar unha solución que non
pase por unha análise seria do actual sistema baseado no crecemento económico, da viabilidade do noso modo de
vida e das súas consecuencias.
Ante esta situación, a instauración dunha economía ecolóxica preséntase como a
única opción para manter a viabilidade do noso consumo enerxético. Tal economía empregaría
os recursos esgotables ao ritmo de substitución polos recursos renovables. Por exemplo, gastaríase
petróleo como fonte enerxética só na medida en que houbese capacidade de producir enerxía de
fontes renovables (enerxía fotovoltaica, por exemplo). Empregaríanse recursos renovables só ao seu ritmo
de renovación. E botaríanse residuos ao ambiente só na medida en que estes puidesen ser neutralizados ou
asimilados pola biosfera.
Pero esta evolución só é posible se cambiamos o modelo actual de crecemento por outro no que se
supedite o mercado á sociedade, no que se substitúa a competencia pola cooperación e a economía
se adapte á economía da natureza e do sustento. É dicir, un modelo no que se pense no desenvolvemento
local e non no beneficio localizado, baseado no benestar das persoas e non no seu consumo.
A enerxía desa sociedade do futuro non pode proceder dos combustibles fósiles, porque urxe afrontar o cambio
climático e ademais o gas natural e o petróleo han esgotarse ao longo do século. Polo tanto, temos que
buscar enerxías que nos permitan a mobilidade e a globalidade que nos dá o petróleo, e nestes momentos o
hidróxeno promete ser ese vector capaz de ocupar o lugar que na actualidade ocupan os derivados do
petróleo.