Alimentación

A compra dun produto ou doutro non é un acto baleiro de contido, senón que leva implícitas repercusións de moi diversos tipos. Cada vez que compramos un alimento debemos reflexionar sobre estas cuestións e tratar de consumir dunha forma o máis responsable posible. Os aspectos máis importantes que cómpre ter en conta son como foi producido o produto (qué substancias se empregaron na súa produción), se é de temporada ou non, de onde procede, se sufriu moito procesamento e como está embalado.

Os alimentos que consumimos todos os días están cheos de produtos químicos. Por un lado, están os residuos tóxicos que proveñen do proceso de produción (antibióticos e hormonas, praguicidas, herbicidas, fertilizantes de síntese, etc.). Por outro lado, atopamos coadxuvantes tecnolóxicos: espesantes, xelificantes, humectantes, emulxentes, antiamazocantes, modificadores de textura… E tamén é frecuente que os alimentos de consumo diario conteñan saborizantes e aromatizantes, colorantes, edulcorantes, antioxidantes, estabilizantes, mantedores do pH, etc.

Unidad 2

Todas estas substancias teñen efectos negativos sobre o corpo humano — ademais da perda obvia de calidade dos alimentos— como a acumulación de compostos orgánicos persistentes nos tecidos graxos, alteracións no sistema inmunolóxico e reprodutor, etc. Mais non só debemos ter en conta os efectos sobre os nosos corpos, senón tamén sobre o medio, xa que estas substancias provocan contaminación das augas e da atmosfera, desequilibran os ecosistemas e levan a unha perda de biodiversidade e a un empobrecemento dos solos derivado do intento de aumentar a produtividade.

O uso indiscriminado de praguicidas reduce a biodiversidade, posto que eliminan grandes cantidades de insectos, aves e outros animais predadores e crean condicións para a aparición de novas pragas ou da mesma con maior nivel de virulencia ao desenvolvérense as formas resistentes.

Ademais, é cada vez máis frecuente producir alimentos fóra da temporada, é dicir, nun momento en que, por razóns de temperatura, irradiación solar, humidade, etc. eses alimentos non se darían de forma natural. Para facer posible a súa produción hai que recorrer a estratexias que reproduzan as devanditas condicións, de forma que non só se bota man de infraestruturas máis complexas e substancias de síntese (pesticidas, fertilizantes artificiais, etc.) para poder levar a cabo a produción, senón que ademais se obteñen produtos finais con propiedades nutritivas, cheiro e sabor que pouco teñen que ver cun alimento producido cando lle corresponde. As infraestruturas empregadas (invernadoiros con sistemas de regadío, control, iluminación, etc.) levan un gasto enerxético asociado, e ademais a fabricación dos agroquímicos e outras substancias de síntese precisan desa mesma enerxía para poder ser producidos.

Os produtos ecolóxicos garanten un impacto mínimo no medio e unha máxima calidade nutricional do produto, xa que na agricultura e gandaría ecolóxica se controla a produción ao longo de todo o ciclo de vida, garantindo que non se empregaron nin aditivos sintéticos, nin pesticidas, nin transxénicos, nin antibióticos, etc; quer dicir, evitouse o emprego de substancias que poidan resultar prexudiciais para o ambiente e para a saúde das persoas. Ademais, a gandaría ecolóxica garante que os animais foron criados con espazo suficiente para a súa mobilidade, con acceso á auga e a espazos abertos, e que foron transportados en boas condicións para o animal. Este sistema de produción leva implícito un aforro de enerxía e unha utilización mínima dos recursos.

Unidad 2

Unidad 2

Ademais de como estean producidos os alimentos, a súa procedencia tamén é importante. Cada vez é mais frecuente nas nosas tendas e froitarías atopar mazás de Costa Rica, espárragos do Perú, lentellas de América do Norte... Son produtos que se poden cultivar perfectamente na nosa terra, mais que ao producirse en certos territorios en forma de monocultivos masivos, baixo unhas condicións de sobreexplotación da terra e das persoas que levan a cabo a produción, alcanzan prezos máis baixos que os produtos locais. Tras o seu cultivo, estes alimentos deben ser distribuídos dunha parte do mundo a outra, o cal trae consigo un importante gasto enerxético.

Unidad 2

Unidad 2

Por outro lado, cada vez vivimos con máis présa, dedicándolle o menor tempo e esforzo posible á nosa alimentación. Isto (xunto cun labor publicitario moi persistente) explica o éxito das comidas precociñadas, dos alimentos tan procesados que con só quentalos xa están listos para comer. Na elaboración destes alimentos utilízanse numerosos aditivos que aseguran a súa aparencia, sabor e conservación. Aditivos que son, na súa maioría, prexudiciais para o medio cando son producidos e para a saúde cando son consumidos. Ademais, canto mais elaborado é un produto, máis enerxía se empregou no seu proceso de elaboración. Así, o máis adecuado é adquirir os produtos máis básicos posibles e a partir de aí elaborar nós mesmos a comida ao noso gusto.

Unidad 2

Galletas en paquetes individuais, que a súa vez están nunha caixa de cartón, que a súa vez ten un envoltorio de plástico ao redor. Botellas de auga pequenas compradas a diario; botes de marmelada e manteiga dun só uso; froita ou legumes en bandexas de polistireno; bombóns con plástico ao redor, postos nunha bandexa de plástico no interior dunha caixa de cartón que á súa vez ten plástico ao redor... E un longo etcétera. Consumimos alimentos sobreenvasados a diario sen nin sequera darnos de conta, e o peor é que son totalmente prescindibles. Pechando ben o paquete non se resecan os alimentos que ten dentro (non fai falla unha embalaxe individual) e pódense transportar en caixiñas de plástico ou metal (friameiras), sen necesidade de que estean en bolsas individuais ou de que os envolvamos en papel de prata ou celofán de plástico. Temos que ter en conta que para fabricar todas esas embalaxes fai falta moitísima enerxía, ademais de auga e materia prima, enerxía que se podería reducir limitándose a unha embalaxe mínima.

Para fabricar unha tonelada de envases de plástico ou dúas toneladas de envases de tetrabrik fai falta unha tonelada de petróleo. (http://www.consumoresponsable.org).

Unidad 2