A nosa responsabilidade no consumo
Está claro que nós temos moito que ver no consumo de enerxía, xa que a empregamos en grandes
cantidades nos nosos fogares, no lugar onde estudamos ou traballamos, etc. (O counsumo doméstico supón o 10%); empregamos o transporte para desprazarnos dun lugar a outro, consumimos produtos que requiriron
transportes ao longo da cadea de produción; e ademais, precisamos dunha intensa actividade industrial que nos
subministre todo aquilo que nos rodea e todo aquilo que consumimos. Mais... consumimos só o que nos fai realmente
falta?
Basicamente, consumimos para dar resposta a unha necesitade, que pode ser física, psicolóxica, de pertenza,
de distinción, etc. Ao conseguir iso que precisamos, sentímonos mellor, é dicir, consumimos para ser
máis felices. O problema é que non somos obxectivos, e o que nos percibimos como necesidades vén
manipulado por múltiples factores. Entre eles, cabe destacar a mercadotecnia, que non busca outra cousa que o maior
consumo posible dun determinado tipo de produtos para que así os beneficios das empresas continúen a
aumentar.
Estamos, xa que logo, inmersas e inmersos nunha sociedade na que a través da publicidade as empresas nos fan crer
que temos unha serie de necesidades, e adquirimos gran cantidade de produtos para así sentírmonos máis
felices por ter cuberto esas necesidades, que desde un principio non eran reais. E de forma complementaria, estas empresas
levan a cabo procesos de produción que, co obxectivo de abaratar custos, causan un grande impacto no medio natural e
un malgaste de enerxía totalmente insustentable a medio-longo prazo, ao que nós contribuímos consumindo
cada vez máis e de forma máis incontrolada.
É difícil cambiar a nosa sociedade e os nosos hábitos, mais podemos comezar por mudar a nosa conduta
consumindo só o que nos fai realmente falta. Tratemos de pensar por nós mesmos e non deixarnos levar por modas,
tendencias e inercias que nada teñen que ver coa nosa felicidade. No capítulo seguinte veremos máis polo
miúdo qué podemos facer para non malgastar enerxía e ser consumidores e consumidoras responsables.