Sargadelos, un exemplo do peche do ciclo da siderurxía da auga e da leña
A revolución industrial vertebrouse sobre a siderurxia, sobre o ciclo enerxético do carbón e sobre os
avances técnicos como a máquina de vapor. Pero curiosamente por culpa da obtención de aceiro pechouse o
ciclo anterior, que utilizaba o carbón vexetal como combustible na forxa e para proporcionar o carbono necesario para
formar a aliaxe co ferro do aceiro, dándolle a dureza e elasticidade necesaria co tempero da maza
hidráulica.
Este proceso supoñía un elevado consumo de madeira nos fornos de fundición, de tal xeito que se
consumían uns 200 kg de madeira por cada quilo de ferro. O aumento do consumo de madeira provocou un esgotamento da
leña dos montes. Isto supuxo conflitos entre os campesiños e os artesáns, que precisaban a leña
para as cociñas, casas e apeiros, cos propietarios dos fornos de fundición, que pretendían reducir o
acceso aos montes para reservar así a madeira para a produción de aceiro.
En Galicia produciuse un motín por este conflito de intereses que foi coñecido en toda España e do
que quedou un importante rexistro histórico. Foi o motín de Sargadelos, no norte da provincia de Lugo, que
desembocou en 1798 no asalto e incendio do complexo siderúrxico, do que aínda quedan elementos construtivos de
aceiro visibles en Galicia.
Este consumo enerxético nos fornos do complexo siderúrxico levouno a denunciar a agricultores e
artesáns que precisaban madeira para barcos, cubas e cestas necesarias na actividade pesqueira de Burela. Este
conflito desembocou no asalto de 4000 persoas ás fábricas o 30 de abril de 1798, superando a resistencia dos 30
soldados que as protexían e causando importantes desfeitas, chegando a queimar a casa de Ibáñez, que se
salvou porque estaba fóra. Esta revolta acabou sendo controlada polo exército, principal cliente, debido
á importante actividade da siderurxia na fabricación de armas.
No entanto, o conflito con Ibáñez non se pechou, e en 1809, coincidindo coa expulsión dos franceses,
foi asasinado en Viveiro arrastrado por cabalos, ao ser acusado de afrancesado. Hai análises que relacionan esta
traxedia con intrigas dos ingleses, que vían nesta fábrica un importante competidor, dado que o sistema de
produción se asemellaba máis ao dos ingleses que aos demais da península.
Nesta conspiración tamén puideron participar os fidalgos e potentados. Ibáñez manifestou que
os grandes propietarios influíron no ánimo dos agricultores e artesáns, posiblemente non tanto polo
problema da madeira, senón máis ben polo medo a que os agricultores abandonasen as terras para dedicarse
á fábrica ou a carrexar madeira.
Tamén temos constancia de que o fundador de Sargadelos foi consciente do peche do ciclo da leña, e no 1800
deixou por escrito a súa opinión acerca da necesidade de substituír a leña por carbón.
Así, expresou: “os montes leñeiros estanse degradando con farta presa e a súa ruína
será total en poucos anos se a este mal non se vén pronto a poñer remedio. E que remedio poñer?
Pois o remedio da substitución da leña polo fósil. É o único eficaz que cabe facer”.
A partir desta frase pódese especular que Sargadelos, de non teren matado a Ibáñez, había cambiar
o ciclo da leña polo do carbón, podendo ter xurdido en Galicia un centro competitivo co sistema inglés
de obtención de aceiro, que acabou impoñéndose ao longo do século XIX.