O motor de combustión interna, unha mirada dende a dinamo para a despensa
Nesta época descubriuse tamén o motor de gasolina e o aeroplano, que habían revolucionar os nosos
desprazamentos. A electricidade e a capacidade de desprazarnos que nos proporciona a enerxía densa e transportable
contida na gasolina sería o xerme da nosa actual adicción enerxética.
As fontes de enerxía primaria poden ser atopadas ou almacenadas na natureza. Nestas inclúese o
carbón, o petróleo, o gas natural, a biomasa, o Sol, o vento e a auga. Todas elas teñen que ver en
última instancia coa enerxía do Sol e coa enerxía gravitatoria. Na natureza tamén hai
enerxía procedente da formación do Universo que quedou almacenada no interior da Terra, como a enerxía
nuclear e a xeotérmica.
Ocorre moitas veces que a fonte enerxética está distante do centro de consumo, que ademais non sempre ten os
aparatos e medios precisos para utilizar esa enerxía directamente. Para conectar os centros de xeración e
consumo é para o que necesitamos os vectores enerxéticos. Por exemplo, entre a enerxía química do
carbón almacenado nunha central térmica e a enerxía lumínica que precisa unha persoa para ler
este libro, é necesario utilizar un vector intermedio que é a electricidade. A central térmica produce a
electricidade, que transporta como vector enerxético a enerxía contida no carbón en forma de
electricidade que, a súa vez, acciona unha luminaria que produce a enerxía lumínica requirida polo
consumidor.
A electricidade é un importante vector enerxético para a enerxía que utilizamos na nosa vida
cotiá. Este uso aparece na sociedade que nace coa revolución industrial, pero aparecen tamén outros
importantes como a gasolina, o gasóleo e o gas natural. A diferenza das fontes enerxéticas primarias, os
vectores non existen en estado natural e, polo tanto, hainos que producir empregando enerxía, e son medios para
almacenar ou transportar enerxía. De entre todos estes exemplos, hai que facer unha observación especial acerca
do gas natural, que pode ser un recurso enerxético (se se extrae dun xacemento na natureza) ou un vector (se se
produce, por exemplo a partir do carbón). Daquela, os vectores conectan os centros de produción de
enerxía cos centros de consumo, é dicir, non son fontes de enerxía. Son producidos a partir de fontes de
enerxía primaria usando diferentes tecnoloxías.
O vector electricidade pode estar producido por fontes diversas, como poden ser carbón, aeroxeradores, saltos
hidráulicos, placas fotovoltaicas ou etanol producido a partir dos cultivos de cereais. Neste último exemplo, o
recurso (cereal) a partir do cal extraemos o vector enerxético (o etanol), denomínase materia prima. O feito de
que na electricidade converxan as principais fontes enerxéticas (carbón, petróleo e gas natural mediante
centrais térmicas; enerxía nuclear mediante centrais nucleares; a enerxía eólica mediante
aeroxeradores; a enerxía solar mediante paneis fotovoltaicos, a hidráulica...) convértea no principal
vector enerxético, o que demostra a revolución enerxética que supuxo para a nosa forma de vida.