A solución para buscar carbón en profundidade: o invento da máquina de vapor
A medida que se fixo necesario perforar minas máis profundas para extraer o carbón, ao se ter esgotado o
máis superficial, foi resultando máis difícil ventilar pozos e elevar carbón á superficie.
Neste proceso de descenso das extraccións que se desenvolveu ao longo do século XVII, as minas tiveron que
enfrontarse coa entrada de auga debida ás perforacións ao nivel da capa freática ou de augas
subterráneas profundas, polo que ademais de necesitar extraer o carbón cara á superficie, fíxose
imprescindible extraer tamén auga. Todos estes problemas derivados da extracción do carbón a máis
profundidade, esixiron solucións tecnolóxicas que se resolveron coa invención da bomba de vapor.
O invento da máquina de vapor, como se destacou no apartado anterior, permitiu por primeira vez extraer traballo da
enerxía térmica, o que supuxo o inicio do consumo enerxético actual baseado na combustión. Neste
sentido, cabe salientar tamén que é perfectamente imaxinable a máquina de vapor sen carbón, como
así foi, xa que as primeiras funcionaban con leña (incluso nos tempos do famoso ferrocarril do Oeste Americano.
Só andando o tempo, ao írense cortando e deforestando as árbores próximas as vías, foi
cando pasaron ao carbón).