Unha aproximación mediante o transporte de España en comparación coa UE

O Protocolo de Kioto actúa controlando as emisións dos focos fixos de natureza industrial, e aínda que non consegue os obxectivos, o crecemento das emisións é moito menor no seu conxunto que o que se debe ao transporte de maneira individual. Así, no período 1990-2006 as emisións de GEI do transporte medraron un 83,5 %. Este incremento é moi superior ao 50,6 % en que aumentaron as emisións totais de GEI sometidas ao control que require o Protocolo de Kioto, o que dá idea da importancia deste sector no relativo aos efectos no quecemento global e no seu control. Só as emisións de CO2 do transporte por estrada se incrementaron nun 88,6%, mentres que as do conxunto do transporte aéreo, marítimo, ferroviario e por tubaxes o fixeron nun 41%.

Unidad2

En relación ao consumo de enerxía, o transporte é o sector de maior consumo: 39,2% do total, superando desde o ano 2000 ao sector industrial. O consumo de enerxía final, expresado en terajoules, medrou un 133,5% desde 1990, sendo o transporte por estrada o que máis consome, seguido do marítimo, aéreo e ferrocarril. Non obstante, os maiores incrementos desde 1990 no consumo de enerxía producíronse no transporte por tubaxe (261%) e no aéreo (130%).

Unidad2

Se o aumento de emisións por transporte en xeral é preocupante, non o son menos as debidas ao transporte aéreo por mor do seu forte crecemento. No ano 2007 o tráfico aéreo total de pasaxeiros en España superou os 210 millóns, sobrepasando nun 8,7% as cifras do 2006. Se se exclúen os pasaxeiros en tránsito, o total de pasaxeiros ascendeu a 208 546 308. Neste ano o transporte aéreo xa representaba o terceiro modo de transporte con maior consumo de enerxía (12,13%), por detrás do transporte por estrada e marítimo.

Unidad2

O incremento das viaxes turísticas, moi condicionadas pola aparición de compañías de baixo custo, son unha das principais causas do crecemento deste modo de transporte. O IPCC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático) estima que o sector aéreo é o responsable do 3,5% das emisións totais de CO2, porcentaxe que aumenta con rapidez debido ao incremento das liñas aéreas de baixo custo e dos voos internacionais procedentes de economías emerxentes como China e India, sendo previsible que no 2020 as emisións da aviación dupliquen, como mínimo, os niveis actuais.

Unidad2

A Comisión Europea amosa a súa preocupación polo aumento destas emisións, porque considera que o transporte aéreo é unha das fontes de emisión de CO2 cuxa importancia aumenta con maior rapidez, polo que se está a valorar a proposta de reducir un 46% do CO2 debido á aviación respecto ao previsto no caso de non adoptar medidas de aquí ao 2020. Esta medida xustificaríase porque desde 1990 as emisións producidas na UE pola aviación internacional aumentaron un 87%.