A obtención de electricidade coa enerxía eólica
Un dos primeiros parques eólicos instalados foi o de Estaca de Bares (Mañón, A Coruña),
composto por doce aeroxeradores de 30 kW de potencia cada un, que podían chegar a unha produción total
próxima ao millón de kWh anuais.
A instalación dun parque eólico realízase en varias etapas, entre as que están o estudo
meteorolóxico do réxime de ventos e a avaliación do impacto ambiental que pode producir a súa
instalación en zonas altas de gran fraxilidade ecolóxica e paisaxística. Estes riscos pódense
incrementar coas tecnoloxías off-shore (parques eólicos mariños), se non se establece unha adecuada
planificación e control.
A evolución deste recurso vai ligada ao incremento da potencia dos equipos, e xa se están
construíndo prototipos de potencia superior aos 1000 kW.