O camiño para producir enerxía a partir do hidróxeno
Xa sabemos que o hidróxeno non se atopa libre e que para poder dispoñer del como combustible ten que ser
extraído. Aínda que existen distintas formas de producir hidróxeno, case a metade procede do gas
natural, facéndoo reaccionar con vapor. Este proceso libera hidróxeno e deixa como produto residual
dióxido de carbono. Este proceso é o máis barato para obter H, pero como vemos a materia prima segue
sendo un hidrocarburo (gas natural) e segue emitindo CO2 na conversión.
Outro proceso para liberar hidróxeno é por medio da electrólise. Este proceso consiste na
introdución de dous eléctrodos de distinta carga (positivo e negativo) nun tanque de auga pura na que se
disolve un electrólito, e na aplicación de corrente eléctrica continua ao mesmo. O resultado é
que o hidróxeno se vai desprazar cara ao cátodo (eléctrodo de carga negativa) e o osíxeno cara ao
ánodo (carga positiva). A electrólise non é moi usada, pois resulta máis caro este método
(pode ser tres ou catro veces máis caro) que o de utilizar o gas natural como fonte de hidróxeno. Se a
produción de gas natural chega ao seu máximo e, polo tanto, o custo da explotación se eleva, quizais a
electricidade xerada mediante enerxías renovables puidese ser rendible nos procesos de electrólise.
Polo tanto, as enerxías renovables, como son a fotovoltaica, eólica, hidráulica ou mesmo a
xeotérmica, teñen un enorme potencial para xerar a electricidade necesaria para ser usada na produción
de hidróxeno por electrólise da auga. O hidróxeno, nesta asociación coas renovables,
actuaría como almacén de enerxía (unha vez superados os grandes problemas de custo das infraestruturas
necesarias), que estaría dispoñible para ser subministrada cando fose necesaria.