O ciclo do uranio
O ciclo do uranio como combustible abrangue todos os procesos, desde a extracción do mineral nas minas, pasando
polos procesos de enriquecemento previos á súa incorporación ás centrais nucleares, ata os
produtos residuais xerados nos reactores. Este ciclo pode ser aberto ou cerrado. Neste último caso o uranio usado na
central recupérase producindo plutonio, que é reutilizado como fonte de enerxía. No ciclo aberto, o
material irradiado é considerado residuo radioactivo e pasará a ser almacenado de xeito definitivo.
Os residuos xerados clasifícanse en: de baixa, media ou alta actividade. Os de baixa e media actividade son
resultado dos labores mineiros, fabricación do combustible e das instalacións nucleares. En menor medida o
sector médico xera tamén residuos radioactivos destes dous tipos. Os de alta actividade son produto do
combustible gastado nos reactores e do reprocesamento destes. Aínda que se corresponden co menor volume de residuos,
son os de maior toxicidade e os que permanecen por máis tempo emitindo radioactividade. É o caso do
plutonio-239, o cal, en caso de ser inxerida unha pequena dose polo ser humano, resultaría letal. Para este tipo de
residuos radioactivos non existe funcionando no mundo nestes momentos ningún almacén. Namentres se atopa unha
solución definitiva ao problema, almacénanse nas piscinas de refrixeración das centrais nucleares.