As preocupacións do uso da enerxía nuclear
Cando nos anos 70 xurdiu con forza a enerxía nuclear como solución á crise enerxética
suscitouse tamén unha forte controversia por parte da poboación pola falta de seguridade, o accidente de
Chernobil, a dependencia de apoios dos contribuíntes de todo o mundo, os residuos...
Hoxe en día parece que está a haber un novo rexurdir da industria nuclear internacional coa
xustificación do incremento da demanda; a preocupación polo cambio climático e a dependencia exterior do
subministro de combustibles fósiles coinciden tamén para reforzar a opción nuclear.
No entanto, así como os problemas da falta de profesionais e necesidades de fortes apoios
económicos se poderían reducir, a problemática dos residuos e a protección da saúde e
seguridade pública seguirán sendo sempre preocupantes.
Considérase residuo radioactivo calquera material ou produto sobrante para o que non está previsto
ningún uso, que contén ou está contaminado con radionucleidos en concentracións superiores
ás establecidas polas autoridades competentes MITEC ( Ministerio de Industria, Turismo e Comercio), previo informe do
CSN (Consello de seguridade nuclear).
Os residuos radioactivos pódense clasificar de moi diversas maneiras en función das súas
características:
- Estado físico (é dicir, se son gases, líquidos ou sólidos).
- Tipo de radiación que emiten (alfa, beta ou gamma).
- Período de semidesintegración (vida curta, media ou longa).
- Actividade específica (baixa, media, alta).
É normal velos clasificados en residuos de baixa, media e alta actividade, e aínda que nalgúns
países se xestiona cada tipo por separado, en España fanse só dúas categorías: os de baixa
e media actividade, por unha banda, e os de alta por outro.
Os residuos de media e baixa actividade proceden da minería, do ciclo de combustible e da irradiación de
substancias en instalacións nucleares e radioactivas. Son menos perigosos que os residuos de alta actividade, pero
moito máis voluminosos. Un reactor medio vén xerar uns 6220 m3 ao longo da súa vida.
A vida dos residuos de media e baixa actividade varía moito duns a outros: vai dunhas
decenas de anos ata centos de miles de anos. Os residuos de media actividade e longa vida
son os materiais en contacto co combustible os reactores.
Un exemplo importante e paradigmático constitúeo o grafito radioactivo dos reactores refrixerados por gas e
moderados por grafito, como o de Vandellós I. No grafito atópase presente, sobre todo, o carbono-14, un
isótopo radioactivo cun tempo de semidesintegración de 5370 anos, o que fai moi problemático o seu
almacenamento co resto dos residuos de media e baixa actividade.