A conducción da electricidade
A electricidade precisou materiais de alto grao de condutibilidade: cobre e aluminio. Tendo en conta a sección, o
cobre conduce dúas veces mellor que o aluminio, pero o aluminio é máis lixeiro. Pero para a
extracción de aluminio a partir da bauxita téñense que empregar grandes cantidades de electricidade,
chegando a ter que consumirse entre 10 e 12 quilowatt– hora de enerxía por cada medio quilo de metal
producido.
A electricidade é moito máis doada de transmitir sen grandes perdas de enerxía e custos elevados. Os
fíos de alta tensión de correntes alternas posibilitaron percorrer montañas por onde non podería
pasar ningún vehículo, e unha vez feita a instalación, a deterioración e, polo tanto, o
mantemento son baixos.
Ademais, a electricidade é facilmente convertible en varias formas: o motor para realizar traballo mecánico;
a lámpada eléctrica, para iluminar; o radiador eléctrico, para quentar; o tubo de raios X e a luz
ultravioleta para penetrar nos tecidos e explorar o interior do organismo.
Aínda que as dínamos pequenas son menos eficientes que as grandes, as diferenzas de rendemento entre ambas
son moito menores que entre a máquina de vapor pequena e a máquina de vapor grande. Isto permite aproveitar
saltos pequenos con moita eficacia, permitindo así que proliferen pequenas industrias na beira dos ríos.
Ademais, a turbina hidráulica ten a vantaxe de ser automática: unha vez instalada, os custos de
produción son case nulos. As grandes centrais tamén teñen como vantaxe en relación ás
pequenas que non toda a enerxía é absorbida pola zona local. Así, mediante un sistema de
estacións enlazadas, a enerxía sobrante pode transmitirse a grandes distancias, e no caso dunha avaría
nunha das centrais, o subministro podería continuar dando paso á corrente das instalacións
asociadas.