O hidróxeno como o vector de futuro
O hidróxeno é o elemento máis común no Universo, pois atópase nun 75 %. Na Terra,
aínda que non apareza en estado libre e illado, conforma o 70 % dos organismos e da superficie da mesma. Foi
descuberto en 1776 por Henry Cavendish, quen presentou un experimento consistente en producir auga a partir de osíxeno
e hidróxeno mediante electricidade. Pero non foi ata 1920 cando apareceu a primeira compañía que
disociou por medio da electrólise a auga en osíxeno e hidróxeno con fins comerciais. Tanto nesa
década como nos anos 30 do século pasado, o hidróxeno empregouse como combustible secundario na
aviación civil, como alternativa a unha mestura de gasolina e benceno. Posteriormente, os ingleses e alemáns
habían utilizalo mesmamente como combustible pero dun xeito experimental na procura de submarinos e torpedos
máis silenciosos.
Na actualidade, emprégase principalmente na industria química como materia prima para a obtención de
produtos como fertilizantes e tamén para elaborar polipropileno (que é unha especie de plástico, como o
que se emprega nas bobinas que conteñen os cedés) ou como refrixerante en motores. As propostas que xurdiran
nos anos 20 sobre a utilización de hidróxeno como combustible non foron retomadas ata 1973, cando sucedeu a
crise do petróleo. Nese ano formáronse grupos e asociacións que defendían o seu uso e que
lograron que os gobernos investisen neste campo de investigación. Unha vez superada a crise do petróleo
volveuse esquecer a posibilidade dunha nova fonte de enerxía ata os anos 90 (do século pasado), cando
proliferaron os informes científicos que alertaban do rápido aumento da concentración de gases de efecto
invernadoiro na atmosfera a consecuencia da queima de combustibles fósiles.
En febreiro de 1999, Islandia destacouse cunha proposta para dirixir a súa economía cara ao hidróxeno
e eliminar así a súa dependencia dos combustibles fósiles. Comezaría coa utilización nos
medios de transporte do hidróxeno, e posteriormente xeraríase electricidade para o abastecemento de
fábricas e fogares no país. En Hawai no 2001 xurdiu un plan similar, onde se propoñía o
aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar para convertela en combustible de hidróxeno.