A boa construcción e o urbanismo sostible para diminuir a pegada
Xa se falou con anterioridade sobre a importancia de mudar a nosa actitude e as nosas condutas dentro da nosa casa e no
lugar onde traballamos ou estudamos para sermos máis eficientes e malgastar menos enerxía. Tamén
é importante ter en conta como é a infraestrutura mesma, é dicir, como é a edificación na
cal vivimos.
Sempre é moito máis recomendable rehabilitar e reformar unha casa ou un edificio xa construído que
construír un novo. Aínda que teñamos que refacelo por dentro ou illalo de novo, o gasto
enerxético e de materiais sempre será menor. Ademais, así evítase ter inmobles deshabitados
dexenerándose, o cal repercute negativamente na vida dos barrios e no prezo das vivendas e fomenta o aumento de poder
das empresas construtoras.
Se dubidamos entre vivir nunha casa ou nun piso, pensemos que nun edificio o aforro enerxético é maior (xa
que se aproveita a calor dos pisos que están por enriba, debaixo e polos lados). Por outro lado, canto máis
compacta sexa a forma da casa ou do edificio, menos enerxía se vai dispersar.
Tamén debemos ter en conta a orientación da vivenda, xa que se a fachada principal está cara ao sur,
captará gran cantidade de radiación solar no inverno e moderada no verán, o que se traduce nun fogar
quente nas estacións de frío e fresco no verán, co grande aforro enerxético que isto supón
tanto en calefacción como en aire acondicionado.
Para contribuír a este aforro enerxético debemos ter unha vivenda ben illada, así evitaremos as
perdas de calor co exterior (ou perdas de frío, se estamos a tratar de refrescar a casa no verán). Debemos
daquela empregar un material illante adecuado e que estea colocado de tal forma que cubra todos os peches exteriores
(fachadas, cubertas etc.). Da multitude de materiais que funcionan como illantes debemos escoller os que sexan naturais, que
non seguisen procesamentos con produtos químicos e que proveñan dos lugares máis próximos
posibles. Así, vai ser moito máis adecuado empregar cortiza, cáñamo ou celulosa que
polistireno.
Unha gran cantidade da enerxía das vivendas foxe polas xanelas. Debemos ter xanelas de vidro duplo, coa
máxima separación posible entre os dous vidros (xa que canto maior é a cámara de aire, maior
é o illamento e polo tanto o aforro enerxético). O tipo de carpintaría debe terse tamén en conta.
A opción máis adecuada é a carpintaría de rotura de ponte térmica. Por outro lado,
tamén debemos ter un sistema que permita regular a entrada de radiacións solares na vivenda, como persianas ou
toldos, de tal forma que poidamos regular a intensidade de Sol segundo a época do ano e as nosas necesidades.
Se ademais instalamos paneis solares poderemos obter enerxía para quentar a vivenda e a auga. Estas
instalacións poden parecer caras nun principio, mais amortízanse entre 5 e 12 anos, dependendo do consumo e da
calidade da instalación. Ademais, existen axudas do goberno que fan esta opción máis viable.
Por último, todos os materiais de construción deben causar o menor impacto posible; a madeira debe ser
certificada (o que garante que procede de bosques non primarios xestionados de forma sustentable) e as pinturas e vernices
deben ser ecolóxicos.
Cando se teñen en conta todas estas características obtense un fogar cun máximo confort e
mínimo consumo de enerxía. Estamos entón ante unha vivenda bioclimática.