A enerxía pola posición no universo ea as súas trasformacións

As principais características do Universo están configuradas pola acción da enerxía gravitatoria, que é a que mantén a orde cósmica que se advirte na configuración das galaxias e sistemas estelares. A enerxía gravitatoria é a que retén os gases da atmosfera e mantén o Planeta Terra na súa órbita a unha determinada distancia do Sol, condicións que fan posible unha temperatura no planeta compatible co desenvolvemento da vida e a existencia de auga líquida na súa maior parte.

unidad2

Á marxe do seu efecto gravitatorio, e igual que as estrelas, a actividade enerxética do Sol está gobernada pola enerxía nuclear e as reaccións de fusión que acontecen no seu interior, tal e como xa se indicou, e que producen radiacións electromagnéticas que alcanzan ao planeta Terra (entre elas, a luz visible) e fan posible o seu quentamento, a evaporación da auga, a xénese dos ventos, as ondas do mar, o ciclo hidrolóxico, os diferentes climas e o proceso da fotosíntese das plantas. Esta mesma enerxía está presente nas demais estrelas do Universo.

Os cambios que se producen nas condicións enerxéticas dos corpos do Universo supoñen a realización de traballo, por iso a Física definiu a enerxía como a “capacidade de producir traballo”. Se algo ten unha gran cantidade de enerxía, poderá realizar grandes cantidades de traballo. Agora ben, hai moitos tipos de traballo. O traballo mecánico, como o feito por un motor dun vehículo cando move un coche; o traballo de deformación, como o que fai un martelo cando golpea un corpo de plastilina; o traballo de expansión dun gas, como o que ocorre no cilindro dun motor de explosión. Para producir calquera delestt fai falla dun xeito ou doutro a enerxía que se transforma en traballo útil mediante algún proceso directo, ou algún mecanismo ideado pola tecnoloxía ou pola Natureza.

Polo tanto, nos corpos existe unha certa capacidade para poder efectuar traballo debido á súa constitución, á súa posición ou ao seu movemento no Universo. Precisamente, esa capacidade denomínase enerxía, e dado que esta permanece latente no corpo mentres non se manifesta en forma de traballo, a súa medida efectúase polo traballo que foi necesario realizar para que o corpo teña o seu estado actual e que, a súa vez, poderá orixinar un traballo cando se libere. Esa enerxía total do corpo pode variar por dous motivos: porque intercambie calor con outro corpo a diferente temperatura, ou porque se lle transfira enerxía mediante un traballo debido á aplicación de forzas sobre o corpo.

Estas transformacións fan que a enerxía estea en constante movemento e cambio no Universo, transformándose dunha a outra forma de enerxía. Vemos, pois, como unha forma de enerxía pode ser transformada noutra mediante un proceso físico natural ou un dispositivo de conversión ideado pola técnica.