Da deforestación ao inicio da 2ª revolución industrial

Con este panorama enerxético, a deforestación tivo como consecuencia que a leña —recurso enerxético básico para obter carbón vexetal e cubrir as necesidades domésticas dos habitantes da época— escasease pola excesiva explotación. Nese contexto histórico, en Londres, para superar o frío, causa importante de mortaldade debida á esta crise enerxética, empezouse a recorrer ao carbón mineral, recurso coñecido pero infrautilizado ata entón.

unidad2

A extracción destes combustibles fósiles propiciou un desenvolvemento de técnicas de extracción que culminaron co invento da máquina de vapor. Esta permitiu, primeiro de todo, sacalo do fondo das minas, cada vez máis fondas, e máis tarde distribuílo mediante o ferrocarril, dando lugar á articulación de industrias e novas cidades industriais ao longo das vías de distribución. A partir dunha siderurxia importante baseada na combustión, desenvolveuse unha importante industrialización.

A chegada de carbón polas vías férreas a zonas industriais é o primeiro paso da complexidade enerxética que se abre con esta etapa, o que supón o distanciamento entre os lugares de orixe da obtención da enerxía e os núcleos de consumo, así coma a concentración da poboación consumidora.

Por malas que fosen as condicións de vida nas fábricas e cidades industriais, eran mellores que as que existían no campo, onde a falta de madeira, o esgotamento da terra e a superpoboación rural provocaban a fame. Por iso, moitos millóns de campesiños europeos víronse obrigados a abandonar a terra para concentrarse nas míseras zonas urbanas ao longo dos séculos XVIII e XIX. Este cambio tamén supuxo o abandono das enerxías renovables para explotar as non renovables, o que representou o paso dun mundo de ciclos estacionais a un mundo de cantidades e depósitos.