En principio chegábanos a enerxía da caza e da recolección
Aínda que os seres vivos están empeñados nunha batalla constante para obter enerxía
dispoñible do seu medio, á custa de desordenalo, só o Homo sapiens conta con ferramentas
tecnolóxicas que lle axudan a conseguilo. Fabricamos ferramentas e máquinas para extraer enerxía do
ambiente; edificamos casas para reter enerxía e manter a calor do noso corpo, buscamos formas de transportar
enerxía dun sitio a outro, e garantimos esa distribución con institucións económicas, gobernos e
exércitos. Pero ningunha destas actividades pode ser allea ás leis da termodinámica.
A Humanidade aprendeu ao longo de milleiros de anos a utilizar diferentes fontes de enerxía. En principio, esta
limitábase ao traballo muscular realizado polos individuos a partir da enerxía obtida dos alimentos. O Homo
sapiens apareceu hai uns 150.000 anos en África; as súas necesidades enerxéticas dependían da
caza de grandes herbívoros, ata extinguilos. Con comportamentos nómades foi desprazándose cara ao norte,
chegando a Europa hai uns 40.000 anos, posiblemente buscando novas zonas de caza. Este comportamento é moi probable
que supuxese a desaparición dos grandes herbívoros coa conseguinte desaparición dos grandes
carnívoros, que quedaron sen presas por competencia coas técnicas de caza dos humanos. Este sería o
primeiro grande impacto humano na natureza por mor da súa busca da enerxía necesaria para unha especie en
expansión.