Contaminación no transporte
O transporte por mar dos hidrocarburos desde o seu lugar de extracción ata os destinos de tratamento ou consumo
require de medidas estritas de control e protección do medio. Unha das medidas adoptadas é a
substitución dos antigos petroleiros de casco único por buques dotados de dobre casco, que engaden unha segunda
chapa creando espazo de abondo como para poder reter a carga ante un posible dano na chapa externa en contacto co
océano.
Coñécense como “marea negra” os vertidos importantes de petróleo no océano, que
causan grandes desastres ecolóxicos no medio mariño e nas costas onde se producen. Galicia ten unha longa e
macabra historia repleta de accidentes que provocaron importantes danos no seu territorio. Este feito está relacionado
con que a fachada atlántica galega soporta un tráfico marítimo moi intenso, xa que por aquí pasan
as principais rutas internacionais do comercio do petróleo.
Nas refinarías, o petróleo é transformado en diferentes produtos, polo que esta industria debe manter
unha serie de medidas encamiñadas a paliar e evitar emisións contaminantes á atmosfera, vertidos de
residuos e mesmo olores e ruídos. Os tratamentos nestas instalacións pasan pola depuración das augas
residuais, a utilización de combustibles con baixo contido en xofre e de aditivos capaces de diminuír a
emisión de fumes e partículas.