Riscos da minería a ceo aberto
Na minaría de carbón a ceo aberto (como ocorre no caso das Pontes na Coruña), o impacto producido
pola explotación no medio natural é enorme, xa que a extracción do mineral require a modificación
da paisaxe. A explotación por medio de cortas ou terrazas esixe a eliminación da cobertoira que cobre os
estratos de carbón. Para a extracción deste utilízanse enormes máquinas de escavación como
retroescavadoras, bulldozers, etc. Unha vez esgotados os recursos, as paisaxes que deixan tras de si as explotacións a
ceo aberto son polo xeral depresións de considerables dimensións e montañas artificiais formadas polos
estériles da mina, se ben é certo que actualmente as minas deste tipo contan con plans específicos de
restauración das cortas que pretenden integrar o espazo degradado no contorno (rexeneración de antigas
entulleiras, recheos das depresións ou mesmo reconversión destas en lagos).
Un problema importante relacionado co contido en xofre do carbón é que pode acidificar as augas. Cando o
carbón se pon en contacto coa auga e co aire, ben sexa na propia explotación ou no lugar de almacenamento dos
estériles (entulleiras), o sulfuro de ferro oxídase dando lugar a compostos como o ácido
sulfúrico (H2SO4). A chegada destes vertidos ás augas dos ríos ou aos
acuíferos identifícase sen dificultade, pois deixa na área contaminada un manto de cor vermella que vai
tinguindo as pedras e a vexetación. O efecto último destes vertidos é a eliminación en grandes
zonas da fauna e flora que viven nos arredores do río afectado e a transformación dos solos en
estériles.