Roupa
Ao noso redor hai numerosas tendas de roupa que montan cuantiosas campañas publicitarias para convencernos non
só de que esta ou aquela marca é de mellor calidade ou máis bonita, senón tamén para
deixarnos claro que precisamos comprar máis e máis pezas de roupa porque o que temos no noso armario xa
está pasado de moda. A compra de pezas de vestir vai polo tanto moito máis alá que cubrir unha simple
necesidade.
É importante ter en conta o material con que está feita esa peza de roupa que queremos comprar. Nas
últimas décadas as fibras sintéticas (poliéster, nailon, lycra, poliamida e tergal) e as fibras
artificiais (acetato, raión e viscosa) foron desprazando as naturais (la, seda, algodón e liño). As
fibras sintéticas obtéñense mediante síntese química a partir de derivados do
petróleo, e tanto estas como as fibras artificiais proceden das industrias químicas. Estas empresas seguen un
proceso de produción no cal, para alén de crear residuos contaminantes, empregan moita máis cantidade de
enerxía que no caso das fibras naturais. (Guía para el consumo responsable de ropa. Setem.)
As fibras naturais que proveñen de cultivo ecolóxico e que empregaron tinguiduras non
tóxicas presentan un menor gasto enerxético e son moito mais respectuosas co medio
e coa saúde das persoas (tanto das que manipulan e fabrican a peza de vestir como das
que a levan posta).
Por outro lado, a maior parte dos produtos téxtiles están producidos nos países chamados “en
vías de desenvolvemento”, debido a que alí a produción é moito máis barata que
noutros lugares pola redución dos custos, tanto laborais como fiscais. É frecuente que estas empresas incumpran
os principios da Organización Internacional do Traballo, que se basean no dereito a un traballo digno e a unha vida
digna. Ademais, unha vez producidas estas roupas, teñen que ser transportadas dun lugar a outro do mundo co
consecuente impacto enerxético e ambiental.
Por outra banda, na merca de produtos naturais debemos preocuparnos por fomentar un traballo digno, no que se
amplíen os dereitos dos traballadores e a súa protección social, promovendo o diálogo e a
resolución de conflitos. Estas son as liñas que cómpre seguir para saír da pobreza do
século XXI.