A máis complexidade menos eficiencia
Antes era difícil sermos conscientes desta contribución da vida ao Universo porque se estudaban os
individuos vivos como entes illados. A aparición da ecoloxía facilita moito máis o enfoque
sistémico das relacións entre individuos de diferentes especies e o medio. Así, cando o saltón
come na herba, aproveita aproximadamente un 15% da enerxía presente na herba comida, e cando a ra come o saltón
aproveita un 12% da enerxía do corpo do saltón inxerido, e cando a troita come a ra, aproveita un 10% da
enerxía do corpo da ra que comeu, e cando nós comemos a troita aproveitamos o 8% da enerxía presente na
carne que comemos da troita. A enerxía non aproveitada en cada un dos distintos niveis disípase en forma de
calor cara ao medio no que habitan os seres vivos.