Ainda que a enerxía se conserva unha parte da usada deixa de ser útil
Unha das aplicacións desta primeira lei, que está moi ligada á obtención de enerxía
para os nosos usos, é a transformación da enerxía potencial da auga dos encoros en enerxía
cinética, que provoca o movemento das turbinas dos muíños, das ferrarías hidráulicas e
centrais hidroeléctricas, moi importantes para o noso desenvolvemento tecnolóxico. A base destes procesos
tecnolóxicos está en que a enerxía potencial da auga do encoro se transforma en enerxía
cinética da turbina. A medida que a auga vai descendendo, vai diminuíndo a enerxía potencial, pero esa
enerxía non se perdeu senón que se trocou en enerxía cinética. A enerxía cinética
(enerxía dos corpos en movemento) que gaña neste proceso é a responsable do movemento da turbina.
E así é; a enerxía sempre se conserva, pero o que ao ser humano lle interesa é a capacidade de
producir traballo coa enerxía e como acabamos de ver, cada vez que se utiliza a enerxía para realizar un
traballo, unha parte dela degrádase en forma de calor e xa non será útil para facer máis traballo
no futuro. Por exemplo, nunha central eléctrica que funciona con carbón, este queimaríase na caldeira
producindo calor (enerxía inicial), de forma que temos unha primeira transformación da enerxía
química almacenada no carbón a calor. Unha parte desa calor pérdese na atmosfera saíndo cos gases
da cheminea (e xa non producirá traballo); a outra parte da calor forma vapor de auga a presión na caldeira. O
vapor a presión expándese na turbina, que xira producindo un traballo que move o alternador, que xera a
corrente eléctrica. O vapor, cando se expande, diminúe a súa temperatura, liberando calor ao ambiente,
que non aproveita a turbina como traballo. E non todo o movemento ou traballo da turbina pasará ao alternador, xa que
entre ambos existe o rozamento, polo que outra parte da enerxía mecánica da turbina se perderá en forma
de calor de rozamento. Así, normalmente, menos do 40% da enerxía almacenada no carbón ha transformarse
en electricidade para realizar un traballo útil. Pero a electricidade non deixa de ser un “vector” que
permite o transporte enerxético no que se producen perdas canto máis percorrido deba facer o transporte.
Así que chega aos fogares ou ás fábricas utilízase moitas veces para quentar a auga, como ocorre
nunha caldeira de auga quente ou nunha lavadora (enerxía final).