As contas das reservas da despensa do Sol

Esta aposta polos recursos enerxéticos non renovables, xa que representan un depósito fixo finito, débese a que son fáciles de contar, e polo tanto susceptibles de seren sometidos a unhas medidas moi exactas. Deste xeito, as medidas precisas chegaron á enerxía. Como toda magnitude física, a enerxía ten unidades de medida, que no caso do SI vén sendo o joule (J), nome en homenaxe ao científico francés Joule, que viviu no século XIX e fixo grandes descubrimentos no eido da termodinámica. O joule equivale ao traballo realizado por un Newton durante un metro. Coincide exactamente co traballo que realizamos ao elevar un corpo de 100 gramos un metro de altura.

Dado que o traballo e a calor son ambas as dúas formas de enerxía, tamén existe unha unidade de medición enerxética definida a partir da calor, a caloría, aínda que a caloría non é unha unidade de medida do S.I. Unha caloría defínese como a cantidade de calor necesaria para elevar un grao centígrado a temperatura dun gramo de auga líquida. A equivalencia entre ambas as unidades enerxéticas é dunha caloría igual a 4,2 J, ou ben un J igual a 0,24 calorías.

unidad2

A enerxía que recibe diariamente unha persoa adulta na súa dieta é de entre 8 a 11 millóns de J, (ou de 8 a 11 mega joules), ou o que é o mesmo, de 2 a 2,7 millóns de calorías (ou de 2 a 2,7 mega calorías). Os valores máis frecuentes que se dan nos manuais de fisioloxía están na marxe de 2.500 kcal ou 3.000 kcal por persoa e día.

unidad2

A desproporción das necesidades enerxéticas que temos na sociedade actual supón que moitas veces aparecen outras unidades para medir a enerxía coma o quilowatthora (kWxhora), as TEP ou toneladas equivalentes de petróleo. O kWh pódese entender como o traballo desenvolvido por unha máquina ou un sistema de un kW de potencia, traballando durante unha hora. Vén sendo equivalente ao traballo desenvolvido por unha persoa adulta durante nove horas de traballo, ou á enerxía eléctrica consumida por unha lámpada de 100 W de potencia, prendida durante 10 horas; ou á enerxía empregada por un coche tipo turismo durante un minuto circulando á gran velocidade.

Ata o de agora falamos de medir a enerxía, e así o joule vén sendo o traballo realizado ao levantar 100 gramos ata un metro de altura. Pero ese traballo pódese facer moi rapidamente, por exemplo nun segundo, ou máis lentamente, por exemplo nun minuto. En ambos os casos a enerxía empregada, ou o que é o mesmo, o traballo realizado, sería o mesmo, pero cambia a potencia con que fixemos o traballo de levantamento.

A potencia, pois, é a magnitude que nos di canto traballo se fai nun intervalo de tempo determinado. A súa unidade de medida no SI é o watt (W), nome en homenaxe a outro gran científico e técnico do século XIX, como foi James Watt, inventor da máquina de vapor. O watt e o traballo realizado por un joule durante un segundo. É dicir, volvendo ao exemplo anterior, se levantamos un corpo de 100 g un metro, nun segundo, estaremos empregando unha potencia dun watt. Os múltiplos do W son o quilowatt ou kW, equivalente a 1.000 W, e o megawatt ou MW, equivalente a 1.000.000 W, ou o que é o mesmo, 1.000 kW. Outro múltiplo aínda maior é o gigawatt, que equivale a 1 000 MW.

Existe outra unidade de potencia moi habitual na vida cotiá, o cabalo de vapor, CV ou HP, equivalente a 0,736 kW. Por exemplo, un coche tipo turismo familiar pode ter de 50 a 150 CV de potencia. Inicialmente, Watt escolleu esta unidade por coincidir coa potencia con que os cabalos da época realizaban o labor de accionar bombas de auga xunguidos a unha nora. Así que a potencia que ten un cabalo real para realizar un traballo é precisamente 1 CV, ou se se prefire en unidades do SI, 0,736 kW.