Do lume postglaciar ao inicio da enerxía da agricultura

A saída desta crise enerxética conseguiuse cando se descubriu como prender o lume. Con esta capacidade de prender lume, puideron ir cara aos lugares fríos onde había animais de gran tamaño como mamuts, renos e focas; puideron cociñar alimentos que crus eran indixestos e puideron conservalos afumándoos. Pero ao mesmo tempo, o lume fomentou as deforestacións para sacar a caza da espesura e atraer os herbívoros a lugares abertos; sobre estes aumentou daquela a presión da caza, e isto provocou unha nova crise enerxética.

Esta crise enerxética superouse coa invención da agricultura, empezando polo cultivo de cereais nas costas fluviais e seguindo coa domesticación de animais. Temos constancia de que hai uns 8.000 anos tiñamos civilizacións sedentarias, baseadas na agricultura, en grandes vales fluviais fértiles coma os do Nilo.

unidad2

Esta primeira revolución enerxética tras a aparición da agricultura e da gandaría permitiu que un territorio puidese soportar máis poboación humana, pero á custa de ter que dedicarlle máis tempo a conseguir alimento. Estes cambios de actividade enerxética, ligados ás incipientes tecnoloxías agrícola e gandeiras, trouxeron consigo a necesidade da especialización, o que puxo en marcha os fenómenos de organización cultural, social e de consumo e os fluxos enerxéticos complexos que caracterizan desde entón as diferentes civilizacións, o que é coherente coa segunda lei. Esta sedentarización tiña vantaxes, pero á vez impedía o acceso aos recursos existentes noutros sitios, polo que se inicia o fenómeno social do comercio como primeira experiencia de abrir canles de distribución enerxética cara ás poboacións.